Caballero pide aos vinte e tres deportistas de elite subvencionados polo Concello de Vigo "que sexan un exemplo"

Imprimir
IMG 1863 2O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, recibiu na sala de xunta de goberno local aos deportistas de alto nivel que o Concello subvencionou mediante baremo pola súa traxectoria na tempada 2015/16.
 
Ata vinte e tres deportistas vigueses, trece homes e dez mulleres, de seis modalidades (atletismo, bádminton, esgrima, ximnasia acrobática, tríatlon e vela) presentaron un currículo internacional brillante que supuxo para o Concello o investimento neles de 33.000 euros como subvención.
 
Foi esta a primeira vez na historia que houbo unha convocatoria municipal específica para deportistas de elite en modalidades individuais, de parella ou de trío, con méritos puntuados segundo baremo (nivel de competición, resultados obtidos e ámbito territorial do campionato).
 
Caballero, que se reuniu con boa parte dos deportistas encabezados pola paralímpica Susana Rodríguez Gacio, felicitounos polos seus resultados, declarándose "satisfeito" polos seus logros pero, especialmente, pediulles que "sexan un exemplo para os demais" deportistas da cidade.
 
A vela foi a disciplina que máis deportistas sumou con trece beneficiarios (as irmás Alejandra e Patricia Suárez, os irmáns Mario e Jacobo Pérez, Tone Pérez, Santiago Moreno, Marcos Cordeiro, Simón Porzio, Omar Colmenares, Kevin Figueiras, Tirso Cerqueira, Carlota Hernández e Ana Carrasco), seguida da ximnasia acrobática (Alexandra González, Andrea Verísimo, Candela Monterde, Luiz Amaral e Sandra Pintor) e o bádminton (os irmáns Jacobo e Gabriel Fernández), recibindo tamén a axuda económica Fernando Costas (atletismo), Judith Rodríguez (esgrima) e Susana Rodríguez Gacio (tríatlon).