Cabecera Vide

Carpa Viqueira, campión por quinto ano consecutivo do Galego de grupos show en grupos grandes

carpa webO Carpa Viqueira en grupos grandes e o CPA Gondomar en pequenos revalidaron este sábado no Central das Travesas o seu cetro autonómico de grupos show, con participación de clubs de Pontevedra e A Coruña.

O XVI Campionato de Galicia, patrocinado polo Concello de Vigo e organizado polo Carpa, levou ás Travesas a uns 2.000 afeccionados nunha xornada vespertina tan intensa como plena de emoción.
 
Esta modalidade funciona e por terceiro ano consecutivo o Central volvía encherse de calor, música, fantásticas coreografías, maquillaxes excelentemente traballados e vestuarios de cine. 

Os grupos pequenos, os máis numerosos (dez clubs), abrían a xornada. O club anfitrión, Carpa Viqueira, colocábase líder trala súa intervención (86,40 puntos), a falta dos programas de Vagalume, Fontiñas e Gondomar, que defendía título.

E a emoción foi máxima. O Gondomar, co grupo vestido de toreiros, arrincou unha enorme ovación das gradas. As do Val Miñor recibían 86,30 puntos e co sistema White obtiñan a vitoria pola decisión de tres xuíces a dous. Si o ano pasado as gondomareñas alzábanse co triunfo presentando "Mi realidad", neste gañaban con "Alma torera".

O Carpa, que conquistara este título por última vez en Vigo 2013, tivo que conformarse co subcampionato ("Náufragos en terra"), sendo o C.D. Fontiñas santiagués terceiro ("Ruido") con 78,50 puntos.

Para o CPA Gondomar este supón o seu terceiro triunfo noutros tantos anos: en 2015 era primeiro en categoría de grupos xuvenís e o pasado ano e agora en grupos pequenos.

Tras un descanso amenizado por unha exhibición de patinadores do Carpa, os grupos grandes (oito) copaban o parquet do Central.
O Carpa Viqueira defendía título e saía á pista en quinto lugar, segundo a orde establecida, co Patín Porriño (75,40 puntos) como líder provisional con "Love". Pero as viguesas o bordaron co seu "Darasmo todo" e as chaquetas reversibles ofreceron unha colorista versión do show. Os xuíces outorgaron ás anfitrionas 87,60 puntos (43,30 polo contido do programa e 44,30 pola presentación) e ninguén foi capaz de superalas.

O Ribex tudense pechaba a serie de coreografías con "Envidia". Estivo excelente e os cinco xuíces así o entenderon (80,60). Metíanse en segundo lugar alcanzando o subcampionato e deixando sen podio ao Valladares vigués, que baixaba ao cuarto lugar (70,70). O Porriño era terceiro.

Coa entrega de premios pechábase unha excelente xornada de patinaje na que o Carpa ratificou o seu incontestable dominio en grupos grandes por quinto ano consecutivo.

A vindeira gran cita nas Travesas, tamén con patrocinio do Concello pero coa organización do Patín Vagalume, o 22 e 23 de abril co II Torneo Internacional Concello de Vigo de grupos show.