Cabecera Vide

Caballero anuncia que a Vigo Cup incorpora o fútbol sala e mobilizará uns 6.700 participantes este verán

IMG 6924webO alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu o bandeirazo de saída á Vigo Cup 2017, que este ano terá "dous apartados distintos porque incorpora o fútbol sala ao fútbol e fútbol 7", explicou o rexedor na rolda de prensa de presentación. 
 
O torneo de fútbol sala celebrarase do 26 de xuño ao 2 de xullo e o de fútbol e fútbol 7, do 3 ao 9 de xullo. "Serán dúas semanas do mellor deporte no maior evento deportivo de Galicia e, posiblemente, de España", sostivo.
 
Precisamente a XVII Vigo Cup de fútbol base engade este verán a primeira edición do campionato de fútbol sala, e entrambos será case de medio milleiro o número de equipos participantes, produto da suma dos de fútbol (200) e dos de fútbol sala (280), segundo as estimacións dos organizadores. En total, contando deportistas, árbitros, técnicos e voluntarios "haberá máis de 6.700 participantes".
 
Caballero anunciou outra novidade pero exclusiva do torneo internacional de fútbol e fútbol 7: os campións e finalistas da edición 2016 que se inscriban na de este ano irán directamente á fase final sen necesidade de xogar a liguiña clasificatoria. "O concelleiro dime que con isto lle damos máis emoción e confío que si", apuntou o alcalde.
 
Para o xefe do goberno local "este é o fútbol que máis quero, de verdade". Certo que felicitou a Coruxo, Rápido e Celta polos seus éxitos e recoñeceu que son "unha parte moi importante" do fútbol vigués, pero defendeu que "o importante son estes miles de mozos e mozas que gozan o torneo e que adquiren unha formación a través da disciplina no deporte". 
 
Caballero estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, por organizadores dos dous torneos e por María Troncoso (Iberian Partners, Coca-Cola), Juan Andonegui (Frutas Nieves) e Pablo Tojeiro (New Balance), tres dos seis máis importantes sponsors xunto con Faro de Vigo, Gadis e PSA Groupe.
 
O prazo de inscrición das dúas competicións baixo a marca Vigo Cup está aberto e a organización espera contar con todos os clubs vigueses, pero tamén con entidades da provincia, algunhas do resto de Galicia (Santiago e Lugo no caso do fútbol sala) e unha representación doutras comunidades. Os dous torneos traballan arreo para engadir un bo número de equipos de Portugal.