Cabecera Vide

Alberto Fernández, co primeiro equipo do Santiago Futsal

amistoso_burelaDespois do ministage de pretempada realizado en Cabeza de Manzaneda, o meta vigués, Alberto Fernández, incorpórase ao primeiro equipo tras a lesión de Carlos Barrón.

O porteiro do Santiago Futsal, Carlos Barrón Redondo, sufriu unha fractura sen desprazamento da diáfise do terceiro metacarpiano da súa man esquerda tras un golpe fortuíto no adestramento, do pasado venres á tarde, nas instalacións do Gansa Nova Manzaneda, onde o club santiagués se atopaba facendo unha pequena concentración de pretempada.

O porteiro cordobés deberá estar tres semanas co dedo inmobilizado e un total de 6, aproximadamente, para volver á competición.

Polo que Alberto Fernández, o pasado sábado, foi convocado por primeira vez co primeiro equipo ao amigable ante outro dos equipos galegos da Primeira División Nacional, o Burela Fútbol Sala, onde empataron a dous goles.

Alberto, con solo 17 anos, xuvenil de segundo ano, procede da canteira do equipo vigués E.D. Vigo 2015, dende a categoría de benxamins ata a de cadetes, o ano pasado incorporouse á disciplina do cadro compostelano, despois de quedar Campión de España coa Selección Galega.