Cabecera Vide

Naufraxio do Coruxo ante un gran Noia

O primeiro gol prodúcese aos vinte segundos, Jonhy foi o encargado de anotar o 1-0, cun Coruxo xogando ben, con ousadía e soltura. Os inicios prometían un bo fútbol sala do equipo de Piru, que moi ofensivamente e con presión foi metendo atrás ao Noia, que se vía desbordado polo vendaval dos vigueses. Custaríalle ao equipo azulón saír do asfixiante dominio ao que estaba sendo sometido. E no seu primeiro contraataque con perigo deixaría un balón en bandexa sobre Marquitos que a pesar de disparar potente e colocado atópase con Cuca.

Aos poucos segundos sería Manu Boan quen dispón dunha xogada moi similar, e que tamén o porteiro do Noia, Carlos, controla con autoridade. Sobre o minuto cinco, a situación empeza a dar inesperados sobresaltos, e cada vez que os vigueses saían en condución era pola mesma zona e moi ao ralentí, iso sóuboo ver moi pronto un Noia con gran clase en todo o seu fútbol sala e conseguindo roubar varios balóns moi seguidos ata que á terceira foi a vencida e chegaría o gol da igualada, 1-1 obra de Diego Pernas.

O Coruxo sen aínda mostrar síntomas de estar bloqueado, foise ao ataque e Jonhy a punto estivo de marcar outra vez nese disparo raso e cruzado. Xa era un toma e daca nas áreas, e Fabio marra unha grande ocasión xusto sobre a liña de gol con Carlos practicamente batido. Móvese outra vez o electrónico tras un despiste na defensa viguesa e que facilita o disparo de Marquitos para anotar o 1-2. Sen tan siquiera pasar algo máis dun minuto volve marcar o Noia, e outra vez facilitado pola frouxa defensa viguesa que poñía en bandexa o balón sobre o propio Marquitos e este poñer outra marca ao seu fusil co 1-3.

Momentos de moito nerviosismo nas filas locais, que por momentos lle custa dar dous pases seguidos. Volve marcar o equipo visitante, e esta vez a balón parado e tirando de estratexia que finaliza con asistencia final de Alex sobre Diego Pernas, e este último crávaa ao fondo da rede e anotando o 1-4. Antes de irse ao descanso, Jonhy puido acurtar distancias para os vigueses pero ese dobre penalti que dispuxo vaise por fóra dos tres paus. Estaba a ser un partido dominado claramente por un Noia con moito fútbol sala e unha descomunal pegada no ataque. E un Coruxo moi débil e sen forza moral para forzar a situación.

Nos inicios deste segundo período, xa se detecta outra vez a un bo Coruxo, e Manu Boan dispara por fóra dos tres paus nun man a man con Carlos, e co porteiro visitante cubrindo o ángulo de disparo á desesperada. O equipo de Piru enseguida o fai recordar ao Noia que os partidos duran 40 minutos, e Mario nunha contra falla estrepitosamente para os vigueses; non así, Siso, que dende os nove metros engancha unha semi-bolea e o balón entra como un obús na portería de Carlos, 2-4.

O Noia tivo que poñer moi serio, o primeiro xa en dar mostras diso, Manu Barral, o xogador do Noia confundiu o boxeo co fútbol sala e realiza unha agresión en toda a regra ao rostro de Pablo Valle, expulsión total e rotunda pero o xogador do Noia só vería a tarxeta amarela. Ao Coruxo custáballe manter a estabilidade no seu xogo, e por aí tamén moita culpa tiña un Noia impresionante, porque hai que recoñecer que o equipo azulón ten un grande arsenal de fútbol sala. E volve marcar o equipo visitante por medio de Marquitos que anota o 2-5.

E dous minutos despois chegaría o 2-6 cun Coruxo xa fose de combate dende moitos minutos atrás. A situación xa era como loitar contra un xigante, xa que o equipo do Barbanza era moi superior en todas as facetas do xogo. O resto dos goles, máis testemuñal que outra cousa.

Neste partido demostrouse que o problema do Coruxo non é a súa falta de calidade, máis ben é de xuventude como así vénse dicindo dende o principio da competición, e nos tres primeiros goles do Noia comprobouse este detalle. Calidade hai de sobra no equipo vigués, e tamén hai un grande adestrador, pero está claro que o equipo necesita saír adiante por ritmo e forzar ao máximo e continuamente as situacións a favor, e non por impulsos illados.