MotoA campaña de apoio ao deporte local lanzada por Hyupersa Vigo, concesionario oficial de Hyundai na cidade, e a Fundación Vigo en Deporte (VIDE) concluíu con éxito irresistible: unha achega de 38.000 euros para un total de trinta e seis clubs adscritos ao programa Siareiros por un premio dunha scooter KSR Classic 125.
 
A moto foi sorteada esta pasada fin de semana durante os Campionatos de España de ximnasia acrobática que organizou o Flic Flac no Pavillón Central das Travesas.
 
Con rifas a 1 euro (donativo), as entidades deportivas obtiveron unha recadación entre 200 e 3.500 euros en función da súa capacidade, o que supuxo unha importante axuda en recursos atípicos grazas á iniciativa de Hyupersa Vigo. O concesionario é dende o ano pasado unha das principais firmas no apoio do deporte vigués a través de VIDE. Entrou na San Silvestre e no Trofeo Concello de Vigo de fútbol base, sumándose a outras accións programadas pola fundación, cuxo Patronato preside Manel Fernández, concelleiro de Deportes.
 
Carpa Grupo Viqueira (patinaxe), Coruxo FC e Alertanavia (fútbol), Talleres ABC e Cios Vigo (fútbol sala), Seis do Nadal (baloncesto e balonmán), CN Vigo Rías Baixas (natación) e Octavio (balonmán) foron as entidades que máis recursos atípicos acadaron con este programa.
 
O número premiado no sorteo, extraído polo alcalde da cidade, Abel Caballero, foi o 22.544, vendido polo Octavio (balonmán). Os dous números de reserva, o 22.569 e o 27.171.
 
O sorteo, no Central, contou coa presenza dos concelleiros Manel Fernández e Carlos López Font e de representantes de Hyupersa Vigo, concesionario situado na estrada de Camposancos. 
 
A moto ten un valor de mercado de 1.800 euros e esta é a segunda actuación levada a cabo este ano para que as entidades deportivas poidan lograr ingresos atípicos con accións pilotadas pola Fundación Vigo en Deporte.
 
A anterior proposta, unha viaxe doada por Viaxes Zonda, supuxo para os clubs da cidade un total de 50.000 euros.