IMG 2359As escalinatas do Museo Marco e a propia rúa do Príncipe serviron de escenario onte polo serán para a presentación da nova tempada do programa Siareir@s, a campaña 2018/19, ao que están adscritos máis de corenta clubs da cidade.

O centro tinguiuse de colorido. Unha gama cromática case interminable demostrou a pluralidade e fortaleza do deporte local, que prácticamente colapsou o tramo fronte ao museo. Foi un acto curto, de apenas un cuarto de hora, pero moi intenso e, por momentos, tremendamente divertido.

As novas xeracións de deportistas vigueses, lideradas por Maniotas (ximnasia rítmica) e Baloncesto Seis do Nadal en categorías base e polo Celta Zorka, que levou ao seu primeiro equipo de Liga Feminina 2 (baloncesto), estiveron fantásticamente representadas. O Coruxo, o Sárdoma e o Alertanavia deixaron ver as cores do fútbol, o Patín Vagalume, Carpa Viqueira ou o Castrelos, a puxanza da patinaxe; o Club de Loita Cidade de Vigo, o Club Vigo Voleibol, o Vigosporting Fútbol Sala, o Iberconsa Amfiv de baloncesto adaptado... E había máis. As entidades deportivas acudiron de forma masiva ao evento, organizado pola Fundación VIDE coa colaboración do Club Ciclista Vigués.

O arranque de tempada, ademais, sorprendeu por fuxir da tradición. Dos polideportivos de Navia, Bouzas ou a Vermella, localizacións de anteriores anos, levouse a presentación do deporte de formación ao centro urbano, congregando ademais a numerosos espectadores.

O concelleiro de Deportes, que actuou como presentador, mencionou aos patrocinadores privados presentes (PSA Groupe é patrono xunto co propio Concello) para dar paso a unha nova disciplina que se integrou este ano no programa municipal de escolas deportivas: o hip hop. Así, o Club de Baile Deportivo Pasos-Bailegalicia que dirixe Miguel Abreu marcábase unha exhibición moi aplaudida e que gravaban un sinfín de móbiles.

Despois, quenda para o alcalde. Primeiro entregando os carnets de Siareiros ás empresas patrocinadoras presentes (Gadis, Frutas Nieves, Coca-Cola, Vitrasa, Naviera Mar de Ons, Altia e Telepizza) e a continuación dirixíndose aos deportistas. Caballero amosouse "moi orgulloso" do deporte de base de Vigo e dedicoulles aos preto de 300 deportistas asistentes un sonoro "sodes os mellores do mundo", pero tamén mostrou a súa satisfacción e agradecimiento polo "apoio do tecido empresarial ao deporte vigués". O rexedor definiu ademais como "campións do mundo" aos familiares presentes, poñendo en valor o seu esforzo diario para que os mozos e mozas poidan acudir ás instalacións deportivas a adestrarse.

E para concluír, o hip hop tomaba de novo o asfalto e, sen rubor, as integrantes de grupo sacaban a bailar a deportistas de varios equipos. O alcalde, que anunciara que "si hai que bailar, se baila", tamén se sumou á festa.

O programa Siareiros contou na campaña pasada con 13.000 socios que apoiaron a máis dunha vintena de modalidades deportivas. E grazas ao pulo do afeccionado, VIDE xerou 111.000 euros para os clubs de base entre axudas directas e a venda de participacións para dous exitosos sorteos (unha viaxe e unha moto).