A Fundación VIDE suma dende 2014 un total de 100.000 euros de investimento nas bolsas para deportistas individuais sub-23

Imprimir

BecasA Fundación Vigo en Deporte (VIDE) entregou esta semana vinte bolsas por un total de 20.000 euros e suma deste xeito 100.000 euros de achegas a deportistas en idade sub-23 dende 2014 (modalidade individual, en parella, trío ou cuarteto). E coma é habitual, houbo un acto de entrega simbólica dun cheque para os vinte e tres elixidos.

Abel Caballero, alcalde de Vigo, celebrou este martes o "traballo e talento" dos deportistas vigueses perceptores dunha bolsa da Fundación VIDE que impulsa o Concello e, no que foi salón de sesións do antigo Concello na Praza da Constitución ata os anos 70, anunciou que para o vindeiro ano "imos repensar canto esforzo máis podemos dedicar ao deporte individual".

Ata vinte e tres mozas e mozos sub-23 recibiron a axuda de VIDE polos seus méritos deportivos da tempada 17-18, cun "récord histórico da representación do deporte feminino" (dezaoito bolseiras), como explicou o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, na introdución do acto de entrega presidido por Caballero na Casa Galega da Cultura.

O xefe do goberno municipal explicou ás deportistas e familiares presentes que o seu obxectivo primordial "é o deporte de base", pero tamén lembrou que "os bolseiros sodes referentes, modelos para toda a canteira" polos éxitos colleitados, e anunciou "novas axudas" para 2019.

"Prometín duplicar as axudas ao deporte e máis que as duplicamos neste mandato; agora teño novas ideas respecto diso para potenciarlo" e, en especial, para as axudas ao deporte individual, de parellas, tríos ou cuartetos, que recibe unha subvención (sen límite de idade a través do Concello, Deportes reserva 50.000 euros dende 2016) e 20.000 por VIDE para sub-23 dende 2014.

O rexedor, que tivo tempo para chancear ("comos sodes os mellores do mundo tamén temos as mellores luces do mundo", manifestou) viviu o instante máis emotivo coa entrega do cheque á esgrimista Judith Rodríguez, á que deu unha forte aperta.

Deportistas de dez modalidades e representando tamén a dez entidades deportivas beneficiáronse desta axuda do Concello a través de VIDE, con dezaoito bolsas individuais, unha a un trío de ximnastas do Flic Flac (Andrea Verísimo, Belén Gómez e Alexandra González) e outra á parella mixta de taekwondistas do Yi Dam formada por Eirim Vaamonde e Aitor Priego. Oito das deportistas, todas mulleres, repiten sobre as axudas de 2017.

Seis competicións, entre mundiais, continentais e nacionais (Campionato ou Copa do Mundo, Europa e España) puntuaban á hora de acadar os puntos. O deportista máis valorado na campaña 17/18 foi o trío do Flic Flac (73 puntos), que obtivo a medalla de bronce na Copa do Mundo de Lisboa e rematou na quinta praza no Mundial de Polonia de ximnasia acrobática.

Este mes, o Concello tamén entregou, por terceiro ano, as subvencións a deportistas (sen corte por idade), cunha achega de 28.000 euros que foron para dezaseis deportistas, o que significa que a inxección económica ao deporte individual no 2018 péchase con 48.000 euros e trinta e nove deportistas beneficiados.

Relación bolsas VIDE 2018