Cabecera Vide

O Concello apoia o III Trail Montes de Vigo, que percorrerá en outubro Coruxo, Oia, Saiáns e Valadares

trailwebO III Trail Montes de Vigo, que conta co patrocinio do Concello de Vigo, disputarase o vindeiro 30 de outubro, domingo, sobre unha distancia de 35 quilómetros e cun desnivel de 2.000 metros.
 
A proba, coa organización de Montes de Vigo, Clube de Montaña Xistra e a Federación Galega de Montañismo, abriu xa hai días o periodo de inscrición na páxina web de Championchip Norte.
 
Ademais desta distancia, tamén se vai celebrar unha carreira de minitrail, de 19 quilómetros, e outra popular, de 9 quilómetros. Os organizadores esperan unha gran presenza de persoas nunha actividade que mestura o deporte e a natureza.
 
Será nos montes de Coruxo, pero os participantes terán que ir ata Oia, Saiáns e Valadares. Ademais é esta a sexta e derradeira parada da Copa Galega de carreiras por montaña que comezou en maio en Maceda (Ourense). Ese é o motivo polo que participarán os mellores especialistas desta modalidade, aínda que nos aproximadamente 300 inscritos tamén se atoparán outros procedentes do resto de España e tamén de Portugal.
 
As inmediacións do campo de fútbol de Fragoselo, que pertence ao Coruxo FC, será o seu punto de encontro dos deportistas tanto para a saída como para a chegada.