webO Club Natación Vigo Rías Baixas presentouse este sábado na piscina municipal de Teis nun acto multitudinario ao que acudiu o alcalde da cidade, Abel Caballero, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández (presidente de VIDE), e o deputado provincial e edil Ángel Rivas. O club tamén contou co apoio de Chano Rodríguez, nadador paralímpico.

A entidade que preside Antonio Vázquez estrea categoría este exercicio, ao acadar o ascenso a Primeira División a pasada primavera. En dous anos, o Vigo Rías Baixas saltou de Terceira á Primeira na competición galega por clubs en piscina. Agora "a permanencia é a meta", sostén o directivo.

"Hai un par de anos non pasabamos das 90 licenzas", lembraba o presidente. Agora contan con 124 fichas, case un 11% máis que en 2017, o primeiro ano que superaron o cento de nadadores.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou o traballo da "marea azul e branca", que son as cores do club, e manifestou a un auditorio repleto de deportistas, pero tamén de familiares e colaboradores, que "no mandato dupliquei as subvencións ao deporte de base e este vindeiro ano tamén se incrementarán".

O Natación Vigo Rías Baixas manterá en 2019 a súa aposta por dúas travesías a nado, a nocturna (Ardora) e a diurna entre bateas, aquela con limitación de inscrición e esta no circuíto galego de augas abertas.

En Primeira División, o Vigo Rías Baixas terá como rivais ao Real Club Náutico de Vigo, CN Ponteareas, Portamiñá, Fluvial Lugo e CN Arteixo. As datas das xornadas: o 3 de novembro, 26 de xaneiro e 30 de marzo; o 27 de abril, a fase final.