IMG 3390O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou hoxe o Trofeo Cidade de Vigo de kárate, que se celebra este sábado (17:00 horas, Pavillón Pablo Beiro de Bouzas) que un ano máis patrocina o Concello e organiza a Asociación Deportiva Zanshin.

Acompañado polo presidente da Asociación Deportiva Zanshin, Fernando Álvarez, e os karatekas sénior Óscar Sánchez, Sheila Álvarez e Sergio Pérez, ademais do xuíz Alfonso Rodríguez, o concelleiro pediu á cidadanóa que se achegue ao campionato, que terá entrada de balde. "É un evento que vai encher de alegría, paixón e ilusión o polideportivo boucense", sostivo Fernández.

A organización confirmou a participación duns 80 karatecas, dende categoría infantil a sénior, nas modalidades de kata e kumite (masculina e feminina) e kobudo (por equipos mixta), con presenza de entidades deportivas de Galicia, Madrid, Asturias e Cantabria entre clubs e colexios. "É un novo chanzo para a difusión e promoción do kárate en Vigo", afirmou o concelleiro.

Fernando Álvarez, presidente da asociación viguesa, lembrou que o evento, iniciado no ano 2000, cumpre a súa mayoría de idade nesta vixésima edición (houbo dous nun mes ano). E faino coa boa nova da recuperación de Sheila Álvarez para a competición.

Ademais do Zanshin, do Okinawa e do Traviesas e dos colexios San Salvador de Teis e Compañía de María, competirán o Lorenzo Parra (Madrid), Shotokan (Santander), Shotokan (Oviedo) e Mizukami (Ribadavia). "Cada ano tentamos ser un pouquiño mellores", sinalou Álvarez.

Tódalas modalidades disputaranse por sistema de liguiña e o dirixente aposta polos seus karatecas para revalidar título (Óscar Sánchez, kumite) e para gañalo (Sheila Álvarez, kata).

Álvarez tamén explicou que o kobudo (competición con armas) é un fixo no cartel para manter as tradicións. Poucos son os clubs que contemplan esta ancián modalidade.