Imprimir

O Campus Polideportivo de VIDE arranca o 25 de xuño e xa está aberta a matrícula para os nenos e nenas

campus_piscinaComo cada ano retorna o Campus Polideportivo da Fundación VIDE, en colaboración coa Concellería de Deportes e co Instituto Municipal de Deportes (IMD). Aberto o prazo de inscrición este luns, este campamento polideportivo, previsto do 25 ao 28 deste mes (de martes a venres, ao ser o luns 24 festivo) iníciase xusto ao remate do período escolar e goza de recoñecido prestixio por ser unha idea común do deporte vigués, dado que nesta actividade figuran os principais clubs da cidade.

Coordinado por Ana Álvarez, adestradora superior de baloncesto e pertencente ao Club Deportivo Bosco, o campus conta cuns vinte monitores e monitoras que se encargan de impartir ensinos de baloncesto, balonmán, voleibol, hóckey a patíns ou fútbol sala. Ademais, nesta edición as disciplinas deportivas invitadas serán o cachibol e o kimball.

A relevancia deste campus ven dada por un cadro técnico solvente no que é habitual a presenza de Quique Domínguez, o primeiro adestrador do Octavio de balonmán. Este ano, a organización previu que os nenos e nenas, que diariamente visitan a piscina das Travesas, gocen o xoves 27 da tradicional expedición ás illas Cíes patrocinada por Mar de Ons.

VIDE mantén aberto o prazo de inscrición desta actividade punteira dos seus programas e que está reservada para 200 nenos e nenas entre os 8 e os 14 anos. Ademais, dende 2007 o prezo do campus está conxelado e costa 65 euros por neno/a. O campus comezará cada día ás 9:00 horas e concluirá ás 18:00 horas. Os participantes comen cos monitores nas instalacións do IMD, fomentando así a plena socialización dos futuros deportistas vigueses.

Ata agora xa pasaron polo campus dende o ano 2000 preto de 2.600 rapaces e rapazas.

Folla de inscrición (2.18 MB)

Folla informativa (447.76 kB)