IMG 4192A xornada con máis partidos na historia dos torneos de Nadal do fútbol base vigués (144 encontros, case seis horas de competición) saldouse na categoría infantil (fútbol 11) co pase aos cruces do cadro de honra de dous equipos do Coruxo, outros dous do Victoria e dous tamén do Santa Mariña, e coa clasificación do San Miguel e do Casablanca, por esta orde, empatados a todo. E co Areosa, defensor do título, e o Santa Mariña, como privilexiados primeiros: a cuartos directos do VI Torneo Concello de Vigo de Nadal.

Nun serán de grandes emocións, o terceto de equipos do grupo B desta categoría mostrouse como o máis parecido ao tradicional grupo da morte, pois os resultados rexistrados foron tan axustados que a organización tivo que acudir á data de nacemento dos xogadores, segundo regulamento, para decidir o primeiro clasificado. San Miguel e Casablanca derrotaron ao Alertanavia pola mínima (1-0) e no seu duelo directo selaron táboas (0-0). A maior mocidade do equipo da Pirucha levouno ao liderato do grupo.

Ademais, o Areosa, vixente campión, avanzou ás eliminatorias sen problemas, como o Santa Mariña. Tanto os de San Andrés de Comesaña como os de Cabral venceron sen dificultade nos seus enfrontamentos, con estes como segundos máximos goleadores de todos os grupos (once tantos a favor e un en contra, só superados polo balance 14-0 do Victoria) e aqueles sen recibir un gol e marcando nove. Santa Mariña e Areosa, finalista e campión en 2017, quedan exentos dos oitavos de final de hoxe, que emparellaron a Victoria B e San Miguel (16:30), Lavadores e Sárdoma (17:15), Racing de Castrelos e Victoria (18:00), Peñasco e Coruxo (18:45), os B de Coruxo e Santa Mariña (19:30), e ao Casablanca e Nieto (20:15). Todo o cadro de oitavos, en Cotogrande. Despois, cuartos e semifinais este venres no Federativo de Coia. O sábado, a final en Navia.

A fase previa disputouse onte en sete campos (Penedo da Moo, Meixoeiro, A Bouza, A Pirucha, Cotogrande, Pahiño e Federativo de Coia). Hoxe, o fútbol 11 concéntrase en Cotogrande mentres que o fútbol 8 terá o seu epicentro no eixo Coia-Navia.

No fútbol 8, o Areosa, que defende título local e do Súper 6 internacional alevín, meteu a cabeza na fase polo título, que se desenvolverá no Federativo de Coia hoxe (primeira rolda ás 16:00 e 16:45 e oitavos deseguido) e venres (cuartos). O Celta tamén avanzou ao cadro de honra en categoría benxamín, co A e o B, nunha idade na que o pasado Nadal o Val Miñor arrebatoulle a vitoria final.

A categoría benxamín dispútase dende as 16:00 horas na Bouza (primeira rolda e oitavos), sen o Coruxo C, eliminado por unha alineación indebida fronte ao Lavadores, e a prebenxamín (oitavos) en Navia dende as 17:00 horas.

A xornada foi magnífica: houbo cheo en varios campos, co Municipal Pahiño de Navia como exemplo de fervedoiro de afeccionados e familiares, moita emoción, deportividade e moi escasas incidencias (algún adestrador con pouca deportividade e pouco máis). Esta competición está organizada polo Concello e por Afavi, a Asociación de Fútbol Afeccionado de Vigo, que preside Daniel Costas. O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, acudiu a Navia para seguir en directo os partidos dos máis cativos.

Cadros completos das catro fases finais

Resultados das catro fases previas do día 26