Porque somos así PDF Imprimir Correo-e
A Fundación VIDE naceu en 2001 (data de constitución 19/11/2001) no mandato municipal 1999-2003. As claves de Vigo en Deporte son as seguintes:

1) Que é a Fundación Vigo en Deporte? Un organismo sen ánimo de lucro nacido en 2001 para apoiar ao deporte vigués en toda a súa extensión, é dicir, aos clubs e entidades deportivas que compiten tanto na elite coma na base, e aos que teñen iniciativas que leven consigo a posta en marcha de calquera tipo de actividade ou torneo. Sinxelo.

2) Quen forma VIDE? VIDE foi constituída polo Concello de Vigo e tres grandes motores económicos da cidade: PSA Peugeot Citroën, Caixanova (agora Novacaixagalicia) e Pescanova. Son os catro socios fundacionais, que toman as súas decisións mediante un Padroado do que o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, é o seu presidente dende o 13 de xuño de 2011, cando o alcalde da cidade, Abel Caballero, asinou o decreto de competencias do goberno municipal. Dende o 1 de novembro de 2011, Icíar del Olmo é a coordinadora, responsable de programas e da xestión comercial. Fundamental.

3) Canto inviste no deporte local? En 2010, as doazóns da Fundación VIDE ascenderon a uns 345.000 euros, 45.000 € máis que en 2008. Ese diñeiro distribúese, segundo baremos, entre os clubs de máxima categoría e os de base, en bolsas para deportistas individuais, en pagamento de instalacións á canteira, en apoio a outras entidades deportivas (Vigo en Xogo, por exemplo) ou na organización de eventos (o campus polideportivo ou a exitosa Vigo Cup de fútbol). Dende 2002, a Fundación Vigo en Deporte investiu 2.245.000 euros en doazóns ao deporte vigués. Decisivo.

4) Como se deciden as doazóns? Mediante baremos que inclúen a categoría, equipos base, número de Siareiros que se conseguen... Xusto.

5) Cando se aboan esas axudas económicas? En dous pagamentos anuais aos clubs de elite (en decembro dun ano e en maio do seguinte), e nun ao resto. Entre decembro e maio sucédense as entregas de talóns, a Gala do Deporte e a repartición de axudas polo programa de Siareiros. Rápido.

6) Onde está a sede de VIDE? No complexo de deportes de As Travesas, na fachada que dá á rúa Cesáreo González. Ademais da situación física dentro do IMD, tamén existe a virtual; a páxina web é visitada cada día por centos de internautas para seguir as noticias dos equipos de elite e o desenvolvemento de Vigo en Xogo. Cómodo.

7) Por que esas axudas? Porque cremos no deporte vigués. Ao igual que ó redor de 40 empresas, que colaboran cos programas de VIDE (como socio de honra, colaborador,...) para axudar desinteresadamente aos equipos. Claro.

8) Pódome facer Siareiro? Claro que si. Facerte socio dun dos doce clubs de elite permite á entidade deportiva un diñeiro extra de VIDE por número de seguidores que consegue. E co carné de tempada que pagaches (o custo é de entre 15 e 150 euros) tes dereito a ver gratis o resto de equipos da cidade. Xa somos máis de 3.000 siareiros. E se prefires axudar a un club de base, a tarxeta Siareiro base, que só custa 6 euros, supón para a entidade deportiva unha doazón da Fundación segundo número de tarxetas conseguidas e o pagamento das instalacións de adestramento. Así de bo.

icon Estatutos (2.88 MB)