Un novo pulo PDF Imprimir Correo-e
10/10/2011

manel_185_280A Fundación VIDE iniciou un novo curso deportivo enfundada nunha ilusión difícil de superar. En momentos complicados nos que hai que optimizar recursos, axustar orzamentos e medir cada acción, esta Presidencia mantén firmes os valores que fixeron de Vigo en Deporte unha referencia polas súas posibilidades.

Estamos nun presente cun indubidable novo pulo. O pasado, sen ignoralo porque del debemos aprender acertos e erros, xa se atopa ás nosas costas e agora espéranos un futuro inmediato no que se dá por feito que imos aceptar o reto con determinación.

VIDE, dentro dun organigrama liderado por Alcaldía, xestionado pola Concellería de Deportes e complementado polo organismo autónomo Instituto Municipal dos Deportes, ten aínda moito camiño por percorrer e ideas por levar á práctica, sempre en estreita colaboración interdepartamental.

A Fundación ten numerosas encomendas; debe seguir explotando, promocionando e expandindo o principio solidario para o que naceu: un carné único que aglutina ao principal deporte local, con custos máis baratos e unha afección tan heteroxénea como entregada a unha oferta inigualable. Pero tampouco debe descoidar outra liña fundamental, cal é o respecto á canteira, porque para chegar á elite necesítase unha base que, ademais, en Vigo é rica en éxitos continuados.

Cunhas categorías inferiores inesgotables en canto a resultados e, por vez primeira na historia, unha cidade con oito equipos no cumio do deporte nacional, a VIDE quédalle inxente traballo por facer. Niso estamos.

Manel Fernández
Concelleiro de Deportes
Presidente da Fundación Vigo en Deporte