Magope Seis do Nadal pasa a cuartos da Copa Galicia, aos que non chega o Calfoncal Lavadores

Imprimir

magopecalfoncal2O Magope Seis do Nadal volveu imporse por segunda oportunidade nunha semana ao Mecalia Novás do Rosal, esta vez en oitavos de final da Copa Galicia, de balonmán masculino, para plantarse en cuartos do torneo e seguir asinando unha excelente pretempada.

A unha semana do comezo da Primeira Estatal de balonmán masculino, o equipo vigués que adestra José Ramón Muñoz, "Jota", impúxose no pavillón de Coia. Ante uns 150 espectadores (boa entrada en sábado de moito fútbol televisado), os locais xa arroiaban no descanso (20-12), incrementando a +9 a renda no global dos sesenta minutos. Víctor Rodríguez (7 goles) e Denís Estévez (6) lideraron en ataque o triunfo. Tamén os dous mellores artilleiros do Calfoncal Lavadores sumaron trece goles o sábado; os irmáns Tsybanev, Alexandre (7) e Sergey (6), foron letais ante o Construcciones Paraxe Chapela. Pero no pavillón de Lavadores os de Juan Manuel Costa non puideron sorprender ao semifinalista da Copa Deputación e caeron 30-32 (15-15) nun partido decidido por detalles.

As eliminatorias de cuartos de final, tamén a partido único, disputaranse o vindeiro mes, os días 30 e 31 de outubro, cos seguintes emparellamentos:

Peguform SAR (1ª Estatal) - Pilotes Posada (División de Honra Prata).
Calvo Xiria (1ª Estatal) - Frigoríficos Morrazo (División de Honra Prata).
Embutidos Lalinense (1ª Estatal) - Teucro (División de Honra Prata).
Magope Seis do Nadal (1ª Estatal) - Paraxe Chapela (1ª Estatal).

A fase final, xa en 2011 (8 e 9 de xaneiro).

Resultados de oitavos

Magope Seis do Nadal, 34 - Atlético Novás, 25.
Calfoncal Lavadores, 30 - Paraxe Chapela, 32.
BM. Porriño, 23 - Embutidos Lalinense, 26.
Calvo Xiria, 36 - OAR Ciudad, 33.
Cisne Grupo Pirsa, 27 - Peguform SAR, 31.