O Magope Seis do Nadal Coia liquidou con relativa comodidade o partido correspondente á vixésimo sétima xornada e a falta de tres partidos para que conclúa a fase regular de Primeira Estatal mantense na segunda posición aínda que cos mesmos puntos que o terceiro, o Acanor Atlético Novás, que tamén se mantén firme na pelexa por xogar os play off de ascenso.

Na súa visita á cancha do Bueu, o Magope Seis do Nadal Coia impuxo desde o comezo a súa maior calidade e levouse o partido por un claro 19-32. O Servi-Auto Bueu só aguantou as embestidas do seu rival durante os dez primeiros minutos (2-2). A partir dese momento, a defensa do Magope Seis do Nadal Coia impúxose con total autoridade ao ataque do Bueu. Os vigueses impuxeron ademais un forte ritmo ao partido e fóronse ao descanso con nove goles de vantaxe (8-17).

A segunda parte transcorreu como finalizou a primeira, co Magope Seis do Nadal Coia envorcado ao ataque e aumentando a súa renda ata os 13 goles finais.

Foi o triunfo da canteira. Así o resaltaba o adestrador do equipo vigués ao término do partido; "13 dos 15 xogadores que disputaron o partido ante o Bueu pasaron polo equipo filial, o Hierros Miguel, o que demostra unha vez máis, o gran traballo que se está realizando o club". E si hai que destacar a un xogador, Jorge Fernández apunta a Nacho. "Desde a súa reaparición aporta un ritmo distinto e positivo ao xogo de ataque".

O Magope Seis do Nadal Coia volverá xogar a domicilio, e de novo en O Morrazo, a próxima xornada. Visitará, o domingo, a cancha do Luceros.