Magope Seis do Nadal Coia da un paso atrás no seu camiño cara a fase de ascenso

Imprimir

O Magope Seis do Nadal Coia sufriu un duro traspés nesta xornada. Perdeu na cancha do Luceros (23-21) e cedeu o segundo posto ao Acanor Atlético Novás, que non fallou ante o colista.

A falta de dúas xornadas para que conclúa a fase regular da liga de Primeira Estatal os vigueses sitúanse a dous puntos do equipo de O Rosal así que as súas opcións de poder disputar a fase de ascenso a División de Honor prata masculina pasan agora por gañar os seus partidos (ante Cisne en casa e Promens Cañiza a domicilio) e esperar un erro do seu rival.

O partido ante o Luceros torceuse para o Magope Seis do Nadal Coia xa desde o comezo. Os vigueses tardaron sete minutos en marcar o primeiro gol e ata o 24 foron a remolque no marcador. A falta de tres minutos para o descanso lograron poñerse por primeira vez por diante no marcador (8-9) pero non conseguiron defender a súa renda e fóronse aos vestiarios
perdendo de un (10-9).

O guión da segunda parte foi moi similar ao da primeira. O equipo local levou a iniciativa do xogo e o marcador, ante un Magope Seis do Nadal Coia incapaz de ofrecer a súa mellor versión. O Luceros chegou a adquirir, mediado este tempo, unha vantaxe de cinco goles (16-11, min 45); unha renda que soubo defender malia a reacción final dos de Jorge Fernández que se chegaron a situar a un tanto ( 22-21) a falta dun minuto para a conclusión do encontro.