Globalmar Sealand Seis do Nadal Coia cadete femeninoO Globalmar Sealand Seis do Nadal Coia abrirá este venres ás 18.30 horas a fase sector B do Campionato de España de balonmán de categoría cadete feminina que organiza o Seis do Nadal Coia durante tres días no pavillón de Coia. As actuais campioas galegas estrearanse na competición, ante o HV CCR Esemcyl valisoletano.

Un partido que se presenta chave nas aspiracións do Globalmar Sealand Seis do Nadal Coia de clasificarse para xogar a final do Campionato de España. Así o recoñece a adestradora do equipo, Cristina González. “Sempre é importante comezar gañando para afrontar coa moral a lume de biqueira o resto da competición aínda que sabemos que non vai ser fácil por iso facemos un chamamento á afección para que acuda a arroupar ao equipo”.

Concluído ese encontro, a partir das 20.30 horas, o pavillón de Coia acollerá o enfrontamento entre o Jomefesa Bm. Oviedo (campión asturiano), e o  EMD. Aceuchal de Estremadura.

O equipo vigués volverá xogar o sábado ás 12.30 horas ante o Oviedo, o rival a priori máis forte do grupo; “conta con varias xogadoras que pertencen á selección astuariana, que é a actual campioa de España de categoría cadete e ademais outra das súas xogadoras é internacional xuvenil”, advirte Cristina González.

Globalmar Sealanda Seis do Nadal Coia pechará a fase sector xogando o domingo, á mesma hora, ante o EMD. Aceuchal de Estremadura.

O equipo vigués chega a esta fase sector con Fátima entre algodóns.  

O Paleo Training Seis do Nadal Coia cadete masculino, que tamén se clasificou para o Sector tras quedar subcampión da liga Galega de División de Honra, desprázase a terras leonesas.  Alí enfrontarase ao Anaitasuna (venres, 18 horas), ao EDM Ademar (sábado, 18 horas) e ao  Teikniker Eibar Eskubaloia (domingo, 12.30 horas).

O equipo de Paloto preparou esta cita con moita ilusión e aínda que sabe que se enfrontará a equipos moi complicados, aspira a coarse na final nacional. “Levamos preparando o sector case un mes e medio así que chegamos a esta cita ao 100% e coa ilusión de facer un bo papel”, asegura o técnico vigués.

En canto aos seus rivais, non destaca a ningún por encima doutro. “O nivel de todos os equipos é bastante parello así que confiamos nas nosas posibilidades”.

O Paleo Training Seis do Nadal Coia terá para esta cita a baixa do pivote Dani.