Os dous máximos representantes do Seis do Nadal-Coia comezarán a liga xogando na casa

Imprimir

O sorteo do calendario da tempada 2015-2016 na División de Honra Prata feminina quixo que os dous equipos vigueses da categoría véxanse as caras na primeira xornada de liga. A última fin de semana de setembro o Magope Seis do Nadal Coia levantará o telón do novo curso deportivo na casa ante a recentemente ascendida AD Carballal.

Na segunda xornada as viguesas visitarán a cancha dun dos equipos chamados a pelexar polos postos de cabeza como é MAVI A Calzada de Xixón que estivo a piques de ascender á máxima categoría fai uns meses. A seguinte semana o Magope Seis do Nadal Coia volverá xogar de visitante, en Palencia e nas xornadas catro e seis recibirá no pavillón de Coia a Construcións Bm. Castro Chapela e Lanzarote Puerto del Carmen, respectivamente.

É un arranque de liga que, segundo o adestrador do Seis do Nadal Coia “definirá as opcións que terá o equipo nesta nova tempada”. “O calendario de 2015 supoñeranos un esforzo importante xa que concentrará as 6 saídas en autobús en menos de 3 meses, deixando para 2016 únicamente as dúas viaxes a Canarias”, asegura Anxo Corbillón.

En canto ao nivel dos rivais, o adestrador do Seis do Nadal Coia augura unha liga competida. “Só repiten 4 dos equipos do ano pasado e ademais é moi probable que haxa cambios nos seus planteis. É difícil facer pronósticos pero estou convencido que será unha competición moi disputada”.

As xogadoras do Magope Seis do Nadal Coia poñeranse ás ordes de Anxo Corbillón para comezar a pretemporada o 11 de agosto.

Ese mesmo día tamén volverá ao traballo o equipo de Primeira Nacional. Os de Jorge Fernández iniciarán a liga o 27 de setembro recibindo, no pavillón de Coia, ao Balonmano Artabro Novo Mesoiro e baixarán o telón disputando, tamén en casa, o derby ante o Carballal, como na tempada 2013-2014.

Nas primeiras semanas de competición o Magope Seis do Nadal Coia afrontará tres dos desprazamentos máis complicados ás canchas de Calvo Xiria (segunda xornada), Construcciones Castro Balonmano Chapela (cuarta xornada) e SAR Plastic Omnium (sexta xornada).

Ao gran favorito da liga, o Acanor Atlético Novás renderalle visita na penúltima xornada da tempada.

Jorge Fernández, adestrador do equipo vigués, considera que este calendario está “máis distribuído na dificultade dos rivais con respecto ao da pasada tempada” pero de igual xeito prognostica un campionato moi competido; “Sufriremos outra vez unha liga moi esixente de 16 equipos”.