Cabecera Vide

Traballada e reconfortante vitoria fronte a un bo equipo

O Magope Seis do Nadal Coia impúxose ao Luceros por 30-27 e recobrou a confianza no seu xogo antes de visitar a cancha do potente Construcciones Castro Balonmano Chapela, ao que se enfrontará a vindeira semana.

Ante o equipo do Morrazo, os vigueses amosaron loita e esforzo durante os sesenta minutos. Foi un triunfo moi traballado e forxado nas boas intervencións baixo paus de “Chori”, que permitiron ao Magope Seis do Nadal Coia adquirir ata catro goles de vantaxe mediada a primeira parte (10-6, min 15).

O Luceros non tardou en facer fronte ao empuxe inicial dos locais. Presentou a batalla esperada e o partido logo cobrou tamén a igualdade prevista (13-12 min 25; 15-14 ao descanso). Un intercambio de goles entre dous equipos moi ben armados en defensa, que continuou na segunda parte. Ata o minuto 45, o Magope Seis do Nadal Coia mantivo mínimas diferenzas ao seu favor. No tramo final, soubo sacar proveito ás situacións de inferioridade numérica do seu rival para roubar bos balóns e moverse en vantaxes de 2, 3 e ata 4 goles que soubo administrar ben para adxudicarse a vitoria final. “Dous puntos moi importantes para encarar con confianza o desprazamento a Chapela”, así o recoñecía o seu adestrador, Jorge Fernández, ao término do partido.

Germán Igrexas Aymerich, que anotou 11 tantos, foi o máximo goleador do partido. O resto de goles do Magope Seis do Nadal Coia anotáronos Javier Freijeiro (5), Pablo García (5), Iván López (3), Adrián Leirós (2), Diego Fernández (1), Denís Estévez (1), Jacobo Rodríguez (1) e David Costa (1)