Cabecera Vide

Os líderes de Primeira Estatal e Primeira Autonómica visitan Coia este sábado

seis castroDifícil papeleta a que se lle presenta nesta xornada a Magope e Hierros Miguel Seis do Nadal Coia. Ambos os dous terán que verse as caras cos equipos que lideran as súas respectivas ligas. Os de Jorge Fernández reciben este sábado na casa ao Construciones Castro Balonmano Chapela, equipo que chegará coa moral a lume de biqueira tras asentarse de novo ao liderado de Primeira Estatal a pasada fin de semana.

“É un partido moi compricado. Enfrontarémonos a un cadro formado por xogadores moi experimentados e de seguro con maior talla física da categoría”, recoñece Jorge Fernández.

Formando parte dese equipo hai catro ex xogadores do Seis, Escudeiro, Rober, Casal e Soliño.

O Construciones Castro Balonmano Chapela xa se impuxo aos vigueses na primeira volta (31-26), pero a pasada tempada o Seis do Nadal gañou o partido disputado en Coia por iso ningún xogador pensa dar o encontro por perdido antes de xogalo.

O Magope Seis do Nadal Coia vs. Construciones Castro Balonmano Chapela xógase este sábado ás 18.30 horas no pavillón de Coia.

Choque de filiais en Primeira Autonómica

Xusto despois do partido de Primeira Estatal (ás 20.15 horas), dará comezo o correspondente á décimo cuarta xornada de Primeira Autonómica que enfrontará ao Hierros Miguel Seis do Nadal Coia contra o Teucro Asegrup. Encontro moi difícil tamén para os de Paloto que, como o Magope, reciben ao equipo máis en forma da liga (suma 11 vitorias, 1 empate e unha derrota); “un grupo novo e que imprime un forte ritmo ao xogo. Na primeira volta deixounos moi cedo sen opcións”, recoñece Paloto. “No partido de ida rendémonos pronto por iso o noso principal obxectivo o sábado será competir, dende o comezo ao fin, para tentar aproveitarnos da súa xuventude”. E é que Paloto está convencido de que se chegan ao final co marcador apertado poderán ter opcións de vitoria.

Para o Hierros Miguel é un choque no que ten moito que gañar e pouco que perder, “un partido para reforzar as boas sensacións amosadas polo equipo nas últimas xornadas”, asegura o técnico vigués.