O Magope Seis do Nadal Coia feminino recibe ao visitante máis perigoso da liga

Imprimir

seis nadal femAcabouse o descanso para o Magope Seis do Nadal Coia de División de Honra Prata feminina. Este mércores (20 horas, pavillón de Coia) disputa o partido de liga aprazado no seu día ante o Balonmano Gijón. Un difícil compromiso para as viguesas xa que reciben a un equipo que ocupa o terceiro posto, con varios partidos menos que o resto, e que nas súas filas conta con dúas xogadoras da Selección Española xunior.

"Precisamente a calidade desas dúas internacionais e da pivote Patricia Martínez son as principais ameazas pero todo o equipo é dunha altísima calidade e potencia", recoñece o técnico Anxo Corbillón. Boa mostra disto é que se impuxeron ás súas "veciñas" do Mavi Nuevas Tecnologías, até entón invencibles. Aínda así, o plantel do Magope Seis do Nadal Coia non pensa dar o partido por perdido antes de xogalo.

A recuperación de Lorena Barreiro e Ana Orge, a incorporación de María Iglesias e o concurso das xuvenís fanlles ser optimistas sobre as súas posibilidades de vitoria. Iso si, tamén saben que para poder vencer ao Balonmano Gijón deben despregar o seu mellor xogo; "as nosas opcións de vitoria pasan por volver asegurar nosa defensa, especialmente ante o seu lanzamento exterior e aproveitar as oportunidades de ataque", asegura Corbillón.

De gañar, O Magope Seis do Nadal Coia empataría a 20 puntos coa A.D. Carballal, que ocupa o cuarto posto.