magope femO Magope Seis do Nadal Coia caeu derrotado este mércores ante o potente Balonmano Gijón, 26-29, no partido aprazado correspondente á décimo oitava xornada de liga. As viguesas plantáronlle cara ao seu rival en varias fases do encontro, pero acabaron cedendo os dous puntos ante a maior calidade das asturianas.

O partido foi igualado no primeiro cuarto. Despois, unha serie de erros no ataque do Seis do Nadal Coia permitiu ao Balonmano Gijón abrir unha fenda importante e irse ao descanso con seis goles de vantaxe (10-16).
A saída de vestiario das locais tampouco foi boa. O Balonmano Gijón creceuse e tratou de sentenciar pronto o partido. No minuto 41 adquiriu unha máxima diferenza de doce goles (13-25) que facía presaxiar un marcador final "de escándalo", pero nada máis lonxe da realidade. Co cambio a unha defensa 4:2 e unha actitude máis combativa, o Magope Seis do Nadal Coia protagonizou unha remontada nos dez derradeiros minutos que lle fixo albergar esperanzas de loitar pola vitoria final. Pasou de perder 17-28 a situarse a tan só tres goles (25-28) a falta de dous minutos para a conclusión. Mesmo dispuxo dun ataque para achegarse a dous tanto pero non o aproveitou e o seu rival soubo parar a tempo a reacción local.

A pesar da derrota, o adestrador do Magope Seis do Nadal Coia mostrábase satisfeito polo traballo realizado polo seu equipo; "sobre todo quedo coa remontada na que participaron xogadoras que habitualmente teñen menos minutos", destacaba Anxo Corbillón.

O adestrador do Seis do Nadal Coia quixo dosificar ás xogadoras porque este sábado disputan un novo partido de liga; reciben ao pechacancelas, o Bm. Camargo Ferroatlántica, coa esixencia de gañar para poder seguir pelexando por finalizar a tempada na cuarta praza.