Xabier Alonso di que eventos como a Copa do Mundo de ximnasia estética "diferénciannos doutras cidades”

Imprimir

26.4.11presentacioncampionatomaniotasO Club Maniotas, nomeado Vigués Distinguido 2011, organizará no Pavillón Central das Travesas, do 12 ao 14 de maio, a segunda etapa da Copa do Mundo senior de ximnasia estética de grupos.

Pero tamén o Campionato do Mundo junior, a segunda etapa da Challenge Cup, proba tamén para grupos junior, e a EUSA Cup, é dicir, a Copa de Europa universitaria, que entra na súa quinta edición e que se celebra de xeito anual.

Aínda que hai equipos por concretar porque estes días están a disputar os seus campionatos nacionales, a organización ten xa preto de 400 preincricións e espera chega ao medio milleiro de participantes.
Haberá grupos de Rusia, Finlandia, Estonia, Canadá, Ucraína, Bulgaria, Austria, Bélxica, España…

Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, asegurou que esta competición é “moi importante” e afirmou que “a organización de eventos desta calidade diferénciannos das demais cidades”. O concelleiro nacionalista está satisfeito de que “todas as disciplinas deportivas teñan o seu lugar en Vigo” e felicitou ao Maniotas porque “detrás desta Copa do Mundo hai un gran traballo de base”. O club leva as escolas deportivas, cunhas 200 nenas, pero tamén dá clases e forma canteira en once colexios.

O concelleiro agradeceu tamén o apoio das institucións ao evento e aplaudiu a aposta da Universidade de Vigo polo campeonato, manifestando que “durante este mandato municipal a Universidade formou un matrimonio co Concello”, dado o número de campionatos nos que os dous traballaron xuntos.

Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes da Universidade, lembrou que “hai un gran número de universitarias que están no Maniotas”, e anunciou que a Uvigo presta apoio a este campionato “con tradutores que teñen prácticas recoñecidas” con créditos.

A adestradora do Maniotas, María García-Trío, asegurou que tanto o grupo junior como o senior tentarán “meterse na final da competición”, á que chegan os dez mellores equipos da fase preliminar cunha esixencia: so pasan dous equipos por país da fase preliminar.

A Copa do Mundo ten catro etapas, unha delas sempre fixa en España. En abril a competición comezou en Vantaa (Finlandia), agora en maio vai chegar a Vigo e as ximnastas continuarán sumando puntos en Paderborn (Alemaña), do 23 ao 25 de setembro. As campioas coñeceranse en Moscú, en outubro.

Na imaxe, de esquerda a dereita, dúas das ximnastas do Maniotas, Silvia Álvarez e Laura González; Marta Iglesias como representante da Deputación de Pontevedra; Xabier Alonso, presidente da Fundación VIDE e concelleiro de Deportes; a presidenta do Maniotas, Paula García; o xefe do Servizo de Deportes da Uvigo, Javier Rial; a adestradora do Maniotas, Marta García-Trío; e Lorena Reboredo, coordinadora da organización da Copa do Mundo.