Alcalde e concelleiro de Deportes felicitaron ao Maniotas "por situar Vigo no mapa da ximnasia estética"

Imprimir

medallaDisputar oito edicións do Campionato do Mundo de ximnasia estética, unha modalidade que comezou a competir ao máximo nivel no ano 2000 está ao alcance de moi poucos... pero si do Maniotas.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, departiu hoxe coa responsable de área deportiva do Club Maniotas e dúas das ximnastas do equipo de estética, Laura González e Tamara Rodríguez Barbosa, aproveitando a presentación do Día da Rítmica en Alcaldía.

O rexedor non dubidou en loubar ao Maniotas polo seu traballo. "Acadar o terceiro posto con España é un logro da maior importancia para a cidade porque a pon no ámbito mundial desta disciplina", dixo Caballero diante dos medios de comunicación.

Rematado o acto de presentación da xornada de ximnasia rítmica deste domingo, Laura González e Tamara Rodríguez, dúas das ximnastas mundialistas, amosaron ao rexedor e ao concelleiro a súa medalla de bronce. Por países, Rusia -puntuaron o Madonna (1º), Nebesa (3º), Oscar (13º) e Expressia (14º)- foi a grande gañadora do Mundial de Cartaxena (Murcia), a pasada fin de semana. Segunda foi Finlandia, grazas á aportación de OVO Team (5º), Minetit (6º) e Sanix (15º), e España entrou no podio como medalla de bronce, despois de que rematara cuarta en Tartu 2011. A contribución do Maniotas como tercer equipo español foi básica. O Maniotas foi á comunidade murciana pensando no podio por países e o éxito foi acadado.

Lorena Reboredo aproveitou para explicar que "a rítmica cada vez está máis forte" en Vigo, cidade de referencia para competir fronte aos fortísimos conxuntos cataláns.