O VIII Torneo Cidade de Lugo volverá a reunir as mellores canteiras de españa de Fútbol Sala

Imprimir

torneo08As mellores canteiras do fútbol sala español visitarán Lugo con motivo da celebración do VIII Torneo de fútbol sala de base “Cidade de Lugo” que organiza a Fundación Azkar e que se disputará do 26 ao 28 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro. Este ano seguen acudindo equipos da talla do Playas de Castellón, Marfil Santa Coloma, O Parrulo de Ferrol e Burela FS, entre outros, e a gran novidade será a de que o FC Barcelona con dous equipos tamén confirmou a súa asistencia.

O Torneo como cada ano disputarase en dúas fases: a primeira do 26 ao 28 de decembro cunha fase máis a nivel local e na que participarán equipos de Lugo, a súa provincia, e das tres restantes provincias galegas. Na segunda, do 2 ao 4 de xaneiro, xa entrarán en liza os equipos invitados pola organización ademais dos equipos que se clasificarán da primeira fase (o campión de cada categoría).

Masculino e feminino
Como xa ocorrera na edición anterior, este ano tamén se disputará a categoría feminina cadete, na cal participarán 6 equipos (segunda fase). Na masculina, participarán 64 equipos, na primeira fase, e 32 na segunda. As categorías masculinas son: benxamín, alevín, infantil e cadete.

Equipos de luxo A segunda fase do Torneo un ano máis será de auténtico luxo. Chama a atención especialmente a participación do FC Barcelona xa que este ano o conxunto culé poderá participar no torneo con dous equipos (infantil e cadete). Ademais acudirán ao torneo o Playas de Castellón, Marfil Santa Coloma, Futsal Madrid, Ciudad de Toledo, EFS Fair Play de Extremadura, Amanha da Criança (Portugal), O Parrulo Ferrol, Vigo 2015, Club del Mar Sanamaro, Mare Nostrum e Burela FS. A estes equipos haberá que sumarlle ao campión da primeira fase de cada categoría.

Datos importantes
O Torneo adquiriu xa o cartel dos máis importantes do panorama español e non é para menos debido ao gran nivel de participación. Ademais coincide nunhas datas, as do Nadal, nas que os nenos teñen máis tempo libre e investilo en deporte é unha boa opción ademais de ser saudable. Durante os seis días de competición, sumando as dúas fases, en total participarán 96 equipos chegando así ata os preto de 1200 xogadores/as competindo, con catros pistas de xogo simultáneas, e cunha importante laboura loxística que achega a Fundación Azkar e o Azkar Lugo FS para que este torneo se leve a cabo.