Cabecera Vide

Un irrecoñecible Coruxo que non foi nin a súa sombra pon o triunfo en bandexa ao Torre de los Reyes

A consigna máis clara dos dous equipos, disparos a portería dende calquera ángulo, todo perfecto pero esquecendo o máis esencial, fabricar fútbol sala e que a propia eficacia e desenvolvemento do xogo abrise o camiño cara ao gol. Sen apenas transcorrer tres minutos xa se detectaba que ao Coruxo lle ía custar gañar este partido, e o primeiro aviso xa dáo Sergi con toda a portería a pracer e o xogador asturiano perdoa un gol cantado.

O Torre de los Reyes con máis circulación, posesión e mellor plantado sobre a pista marca o ritmo a un Coruxo que tardaría en crear perigo, sería Jonhy dende os sete metros quen dispara raso e cruzado pero sen atopar as mallas. Pouco a pouco fóronse igualando as forzas xa que ata o momento era o Torre de los Reyes quen mostraba máis soltura, dominio e as ideas moi claras chegando con máis perigo á hora de buscar a portería local.

Aínda que a desorde dos locais era acentuada, e os visitantes decidiron non forzar e que fose a inercia quen puxese as cousas no seu sitio, e fallando goles incribles foron pasando os minutos ata que definitivamente rompe a monotonía co primeiro gol que anotan os visitantes por medio de Jemilio, era o 0-1, e dende aí o Coruxo foise do partido dando facilidades a un equipo que tras 16 encontros chegaba tan soamente con oito puntos na súa cuadrícula pero que na tarde do sábado parecía ir entre os sete primeiros clasificados.

Tres minutos máis tarde Reyes sobe o 0-2 ao luminoso nunha xogada sen ángulo pero que o balón rematou pola mesma escuadra da portería de Cuca. Por momentos parecía que a reacción dos vigueses sería unha realidade, pero non sucedeu así, e faltando 39 segundos de tempo efectivo chega o 0-3 por mediación de Choki nun dobre penalti. E poucos segundos despois Pablo Valle acurta distancias ao marcar o 1-3, e aínda con 8 segundos por disputarse, falla o Torre de los Reyes un dobre penalti que nesta ocasión Cuca lle intercepta o disparo a Choki.

Víase vir ao Coruxo de sempre no segundo acto, este xa era outro equipo, que movía o balón con máis destreza e opcións para o desborde tanto colectiva como individualmente, e foron chegando as ocasións de gol ata que outra vez Pablo Valle acurta distancias co 2-3. Merecía o gol o Coruxo, xa que pouco a pouco ía despregando o seu fútbol sala de sempre, e xa se disputan os mellores minutos do partido cos vigueses levando a iniciativa e dominando machaconamente a un Torre de los Reyes que se metera atrás con moita orde.

O empate parecía cousa de pouco tempo, pero o que chega é o gol do equipo asturiano nun contraataque onde Sergi incrusta o 2-4 ao fondo das mallas. É continuar o xogo co saque de rigor, e Mario marca para o Coruxo o 3-4. Aínda que pouco dura a alegría xa que en menos de dous minutos o Torre de los Reyes dá un zarpazo co 3-5 de Jemilucho e que foi o gol que máis dano había boto nos locais. Se enfilan os últimos cinco minutos e os vigueses envían dous balóns seguidos ao pau co porteiro practicamente batido.

Non botaba a toalla o Coruxo, e faltando catro minutos fai uso do porteiro-xogador, e parecía que o empate sería como mínimo o resultado final, pero chega o 3-6 que outra vez Sergi anota nun contraataque. Maquillaría o resultado final o Coruxo co 4-6 que Mario sobe ao luminoso.

Coruxo: Cuca, Manu, Jonhy, Javi del Río, Fabio - cinco inicial -
Lolo, Pablo Valle, Jorge, Siso, Mario, Cristian, Javi Hernández.

Torre de los Reyes: Nacho, Sergi, Reis, Mamel, Jemilio - cinco inicial -
Choco, Borjita, Choki, Ríu.

Partido disputado no Pavillón de Ás Roteas (Vigo). Sábado 13 Febreiro 2010 ás 17:00 h.
Adestrador Coruxo: Rachí
Adestrador Torre de los Reyes: Emilio Morán

Primeiro Tempo: 1-3