Un Lobelle B con máis pegada da que reflicte a súa posición na táboa. E foi o Coruxo quen deu o primeiro aviso tras unha forte presión de Álvaro á defensa lobellista e que remata con asistencia sobre Manu, que falla só ante Marcos Vara. Os primeiros compases prometían, e o Lobelle non llo/llelo pensa e vaise ao ataque e o partido xa era un continuo ir e vir de xogadas de gol pero que non se chegaban a finalizar con garantías.

E marcaría primeiro o equipo de Santi Valladares por mediación de Pintado nun servizo que Romario lle pon en bandexa e o propio Pintado finaliza co 0-1. Moi forte o Lobelle B, que non baixa os brazos e preme ao conxunto vigués que empeza a cometer fallos en xogadas doadas, e sería Cuca por varias veces quen evita goles practicamente sobre a liña de gol.

O empate chega canto máis o necesitaba un Coruxo que o 1-1 lle sabe a gloria ao marcar Siso sobre o minuto oito. O partido xa estaba a ser de moito caudal ofensivo polos dous equipos e o empate podía romper en calquera momento xa que estaba a ser un partido moi movido nas áreas. Sobre todo nos contraataques dos santiagueses, con puro veleno nas entrañas e xogadas moi vistosas, puido tamén marcar o Coruxo por medio de Manu, que estrela o balón ao pau. Nin un respiro se daban os dous equipos, parecía un combate de boxeo con dous púgiles ao límite dos puntos e que buscaban o K.O do rival antes de tempo.

Nos seis últimos minutos o equipo de Rachí acumula cinco faltas coas que aguantaría o tipo, e o Lobelle B faltando catro minutos e trinta segundos entra na quinta falta. Se enfilan xa os últimos tres minutos deste primeiro tempo, e se o Lobelle volvía ter varias ocasións de gol, esta vez era o Coruxo quen por mediación de Xan envía outro balón ao pau. Fallaría Siso un dobre penalti faltando dous minutos antes de irse ao descanso, pero se que non fallaría Pablo Valle nunha das mellores xogadas do partido, xogada que se inicia en Xan que tras roubar o balón na súa propia defensa avanza uns metros e tras coller ángulo mete unha perfecta diagonal sobre Pablo Valle que tras varios amagues bate por baixo a Marcos Vara e o 2-1 sobe o luminoso.

Pletórico último minuto onde por cada equipo hai dúas ocasións de gol.

Mal se inicia o segundo tempo, nun despiste colectivo do equipo vigués chegaría o gol da igualada, o 2-2 que Ángel consegue dende o medio da pista e de disparo raso. É continuar o xogo, e nesta ocasión é Marcos Vara o que controla un potente disparo de Pablo Valle, que a queimarroupa falla un gol dos que hai que amarrar.

Entra o equipo local nos minutos onde máis feble mostrouse, e o Lobelle co acelerador a fondo perdoando goles incribles. Capeó o temporal como puido o equipo de Rachí, e tras longos minutos en varias contraás moi seguidas puido marcar por medio de Álvaro. Moi físico o encontro e dunha óptima calidade por ambos os dous equipos. Hai un penalti de libro sobre Siso, moi dentro da área do Lobelle e que os árbitros sinalan falta ao bordo da área e que non ten repercusión no marcador. Poucos minutos despois, o Coruxo comete unha falta en ataque e non exerce presión ningunha e facilita que o Lobelle poña rapidamente o balón en xogo e outra vez Pintado de potente disparo finaliza en gol, e o 2-3 empeza a pesar como unha lousa no equipo local.

Dende aí, o partido estivo máis aberto e disputado de ti a ti con constantes xogadas de ataque e sendo máis do mesmo, fallando goles que non se poden fallar xa que o rival se crece e se remata por pagar como así foi co definitivo 2-3 e que deixa ben claro que o Lobelle B é un equipo competitivo e cunhas bases moi ben formuladas para a súa proxección.

CORUXO F.C. 2
LOBELLE F.S. B 3

Domingo, 28 de febreiro de 2010.