Cabecera Vide

Grande partido do equipo de Rachí e que se fai merecidamente coa vitoria

O Coruxo dá un golpe de autoridade no Municipal de Noia, unha pista de escasas dimensións e repleta de espectadores na bancada como xa vén sendo algo habitual nos partidos de casa do equipo coruñés.

Os de Rachí defendendo ben e con electricidade ao saír á contra, por onde xa foron metendo a dinámica do partido onde máis lles conviña. Así é como pasan os minutos e o equipo vigués controlando o partido mediante un xogo fluído e as ideas moi claras, non é de estrañar que os afeccionados locais non podían dar crédito ao xogo dos vigueses, un equipo con problemas na clasificación pero que estaba a xogar francamente ben e a pesar que o Noia premía con insistencia, os de Rachí saían da situación mediante un fútbol sala combinativo que pouco a pouco ía facendo dano ao conxunto local.

O primeiro gol márcao Pablo Valle no minuto tres, ao quedar só ante o porteiro e desbordando mediante un atinado caneo que finaliza cun precioso gol que supoñía o 0-1. Víanse vir os relevos dende os bancos, e ao Coruxo non lle treme o pulso ao realizar no mesmo minuto ata dous cambios con carácter ofensivo xa que os vigueses se ían ao ataque con total autoridade, xa entran Jonhy por Mario, e máis tarde Rober por Pablo Valle. Pasaba o Noia polos típicos minutos onde o máis importante é ter precisión nos pases para recuperar a confianza, e por iso que o equipo de Rachí a base de aplicarse xa interceptaba todo canto balón chegaba aos límites circundantes da súa área.

A xogada máis importante da primeira parte é un man a man entre dous xogadores do Noia contra Lolo, e o porteiro vigués xógaa nunha saída/blocaje impresionante e evita o gol dos coruñeses cando na bancada xa se cantaba o empate. Nos seguintes minutos, Rober ten dúas claras ocasións de gol, a primeira nunha boa xogada de Jonhy, e que finaliza con disparo de Rober que se vai por fóra, e a segunda, á saída dun corner que Rober golpea con potencia de bolea, pero enviando o balón lixeiramente desviado. O Noia métese nas cinco faltas, xustamente tres minutos para rematar a primeira parte, e uns segundos despois xa comete a sexta falta de penalización, ese dobre penalti que Mario executa fantasticamente por toda a escuadra e sendo o 0-2 para un Coruxo moi serio e traballador.

Xa nos últimos segundos Jonhy envía un remate ao pau, e tamén Mario en xogada persoal ante o porteiro a punto estivo de aumentar a súa conta particular.

O Noia pon as pilas dende o inicio deste segundo tempo, e sae moi forte premendo en toda a pista, e ao Coruxo cústalle facer combinacións e é polo que pasa momentos de apuros ante un Noia que se confiara, e de aí que na segunda parte son os pesos pesado do equipo coruñés os que intentar acurtar distancias. A presión local é tan pronunciada que no minuto sete nunha boa combinación de Marcos acurta distancias para o Noia co 1-2. A situación tensábase un pouco máis e ata se poñía francamente difícil para os vigueses, pero os homes de Rachí fielmente cumprindo o seu guión íanse aposentando nun bastión dunha grande concentración co seu fútbol sala moi serio.

Sobre o minuto trinta e seis, nunha galopada de Manu chega o terceiro para o Coruxo coa colaboración do outro Manu, xogador do Noia, era o 0-3, e que obriga o adestrador do equipo local a pedir tempo morto, e dende aí xa era doado intuír que poría en pista ao porteiro xogador.

A xogada crave prodúcese faltando tres minutos e trinta segundos, o Noia con porteiro xogador, e Pernas marca un gol co brazo, pero o árbitro moi atento ao xogo vai a acción e anula o gol ensinándolle a tarxeta amarela a Pernas, era a segunda cartolina do xogador local, e por conseguinte a expulsión.

O Coruxo xogando con superioridade e Rachí pide tempo morto para solicitar aos seus xogadores que controlen un pouco máis o balón en longas posesións e non intentar marcar gol para deixar pasar eses valiosos dous minutos, faltaría un minuto e trinta segundos cando o Noia recupera a todos os seus xogadores, e faltando sete segundos, Alex anota o definitivo 2-3, e que xa era imposible en poucos segundos a remontada dos coruñeses.

Tres puntos moi importantes para o Coruxo, e unha cura de humildade para un Noia no que varios xogadores non souberon estar á altura de as circunstancia e non souberon respectar a vitoria do equipo vigués, que é digno recalcar que o Coruxo o soubo traballar.

NOIA F.S. 2
CORUXO F.C. 3

Domingo, 25 de abril de 2010