Nerea Vila, loitadora viguesa do Club San Ignacio, foi eliminada este xoves en primeira rolda do Campionato de Europa cadete de loita libre e grecorromana, que dende o día 3 ao domingo dispútase na cidade de Saraxevo (Bosnia).
A galega, primeira da nosa comunidade que acadara praza nun Europeo, caeu (0-3) na eliminatoria previa do seu peso (56 quilos) fronte á moldava Ecaterina Rusu, que vencería a continuación á eslovena Anja Mesicek para perder en cuartos coa ucraína Tetyana Kit, finalmente campioa.
Non pasar a cuartos privou á viguesa da repesca que leva á loita pola medalla de bronce. O combate decidiuse no primeiro período, porque nos dous rounds seguintes o marcador xa non se moveu. Vila rematou na posición 17 sobre 19 participantes, aínda que segue acumulando experiencia. Nacida en 1993, o ano que vén xa salta a idade junior. A moldava concluíu en quinto lugar.
Vila foi este ano subcampioa de España na categoría junior (por enriba da súa edade), e despois de perder a final cunha das mellores loitadoras do mundo no seu peso.