O Bembrive, en cadro, xoga na cancha do Narón cun ollo en Valladolid

Imprimir

bembriveA xornada deste sábado, en segunda División B de fútbol sala, depara a visita dos vigueses, terceiros pero con só cinco xogadores de campo dispoñibles para o encontro, á pista do xa campión da categoría, mentres que no outro choque estrela da xornada o segundo clasificado, o Noia, visita ao cuarto, o Universidade de Valladolid.

A Segunda División B volve a escena tras unha semana de parón cunha interesantísima antepenúltima xornada, que pode aclarar bastante o panorama na loita pola segunda e a terceira praza ou, pola contra, deixar todo aínda máis aberto. Porque xogan primeiro contra terceiro e segundo contra cuarto e o único que ten claro a súa situación é o Cidade de Narón, campión matematicamente dende a pasada xornada. Precisamente, o grande dominador da categoría será o rival ao que visite este sábado ás 18.00 horas ao Bembrive F.S. co complicado obxectivo de intentar puntuar aínda que moi pendente do outro partido estrela da xornada, o que enfrontará en Pucela ao Universidade de Valladolid, cuarto a tres puntos dos vigueses, co Noia, segundo con tres puntos de renda sobre o equipo de Pitu pero cun encontro máis disputado.

De feito, o técnico do Bembrive F.S. sitúa case máis o foco no outro compromiso que no seu propio. "Para nós, o noso partido desta xornada é o que van xogar Noia e Universidade de Valladolid. A cousa está tan igualada que agora mesmo podemos ser segundos ou cuartos e creo que vale máis ser cauto e amarrar a terceira praza que temos agora que arriscar pola segunda", explica Roberto Carlos García Carballo, Pitu, quen incide en que "se gaña Noia, imos depender de nós mesmos porque gañando un partido dos dous que quedariamos case seriamos terceiros seguro. Pero se perde, ábrense moitas interrogantes. Estariamos empatados os tres equipos. Temos gañado o golaverage particular con Noia pero perdido con Valladolid. Todo sería moito máis complicado".

Porque, ademais, o conxunto vigués non visitará a cancha do campión nas mellores condicións. "Teño o equipo roto. En principio, só conto con cinco xogadores de campo dispoñibles. Gesteira non puido adestrar por problemas nos aductores, Míchel foi pai esta semana e Jacobo está a saír aínda dunha neumonía, aos que hai que unir a Pablo Valle e Eloy, que se perden o que resta de tempada", puntualiza Pitu.

Deste modo, a posibilidade de puntuar na cancha do intratable líder complícase un pouco máis. "O Cidade de Narón é o mellor equipo da categoría con diferenza. Albes leva xa tres tempadas traballando con eles moi ben. Son os máis regulares, un conxunto con moi poucas fisuras, que fai moitas cousas ben. Domina todos os factores do xogo: o físico, a rapidez, o un para un... Téñeno todo e por iso son campións de longo. Como mostra, a pasada fin de semana xogaron as semifinais de ala Copa Xunta co Santiago e perderon 1-3 pero o choque foi moi igualado. Vai ser moi difícil sorprendelos aínda que estean algo relaxados ao ser xa campións. De tódolos xeitos, cando sales a xogar un partido non podes entrar na pista coa idea de que vas perder. Iremos xogar nosas bazas", resalta o adestrador do Bembrive F.S., quen engade que "é un encontro no que, a priori, nós non contabamos con puntuar pero temos que ir a iso. Imos tratar de aproveitar que xa son campións para ver se podemos picar algo alí. Non temos nada que perder porque para nós son moito máis importantes os outros dous partidos que nos quedan que este. Iso si, se conseguimos puntuar, teremos a posibilidade aínda de ser segundos. Se non, teremos que centrarnos en tratar de conservar a terceira praza".