Cabecera Vide

O Bembrive non estará só na súa busca do segundo posto en As Pontes

O conxunto vigués pecha este sábado ante O Esteo a tempada na Segunda División B coa intención de lograr un triunfo que lle sirva para lograr o subcampionato. Unha segunda praza que, ademais, podería abrir tamén as portas da loita polo ascenso tras a recente modificación do play-off acordada por al de Fútbol Sala.

O Polideportivo de As Pontes será o escenario este sábado a partir das 18.00 horas dun importantísimo partido para a historia do Bembrive FS. O conxunto vigués visita nesta última xornada  en Segunda División B a cancha de O Esteo coa posibilidade na súa man de conseguir o subcampionato e clasificarse así para a disputa da próxima edición da Copa do Rei e da Copa Xunta. A transcendencia do compromiso non pasa desapercibida para ninguén, especialmente para o grupo cada vez máis numeroso de afeccionados do Bembrive. O equipo reclamou o apoio dos seus para non estar sós neste crucial encontro e os seguidores vigueses responderon enchendo dous autobuses.

"A verdade é que ultimamente a xente se está a envorcar connosco, está a vir bastante público ao pavillón e iso transmítenos enerxía e ilusión. Vai ser un acicate máis porque imos contar cun grande apoio dende ula bancada. A súa presenza será unha forma máis de motivar aos xogadores e que dean outro puntito máis posto que a xente se vai meter entre peito e costas tres horas de viaxe para apoiarnos e intentar darnos ese plus máis de enerxía cando sexa necesario", resalta Pitu, técnico do Bembrive, quen para este encontro seguirá contando coas baixas de longa duración de Eloy e Pablo Valle e mantén as dúbida de Cuca e Borrajo, aínda con molestias, mentres que Gesteira continúa recuperándose pero xa case adestra con normalidade.

A vitoria o sábado en As Pontes serviría para que o conxunto vigués completase unha sensacional historia, alcanzando os obxectivos máis ambiciosos que podería formularse, posto que suporía rematar a tempada na segunda praza e, polo tanto, lograr tamén o billete para a Copa do Rei e a Copa Xunta. Non obstante, conquistar o subcampionato podería ter outro premio máis co que o Bembrive non contaba nin remotamente. Os clubs xa clasificados para disputar o play-off de ascenso á Segunda División, os primeiros de cada grupo, recibiron o pasado luns unha comunicación do Comité Nacional de Fútbol Sala na que se lles informaba dunha serie de cambios no formato da promoción de ascenso. En principio estaba previsto que se disputase unha rolda única, ascendendo soamente os tres gañadores, pero a circular informa de que agora se disputarán tres roldas, ascendendo cinco equipos, nun play off que se prolongaría así ata o 28 de xuño. O repentino cambio de formato provocou as críticas dos equipos, anunciando mesmo varios deles a súa intención de non participar. Se esas renuncias chegasen realmente a concretarse, abriríase entón unha posibilidade para que o Bembrive pelexase polo ascenso posto que se procedería a invitar aos mellores clasificados de cada grupo.

Malia todo, o adestrador do conxunto vigués non quere entrar en especulacións e posibilidades. Pitu prefire centrarse no que realmente está na súa man, que é lograr o subcampionato, e unha vez alcanzado xa se verá. "Está claro que é un aliciente máis para pelexar por rematar na segunda praza pero como é un caso hipotético e que aínda está lonxe de confirmarse, non nolo formulamos. Empezariamos a pensar niso a partir do sábado aínda que, de tódolos xeitos, para que nós puidésemos entrar no play-off tería que haber antes a renuncia doutro equipo e iso é algo que nunca resulta agradable. Nin o buscamos nin o esperamos pero se chega, benvido sexa", sinala o técnico do Bembrive, quen insiste unha vez máis. "O obxectivo é segundo posto, todo o que veña a maiores, verémolo", finaliza.