Cabecera Vide

O Mosteiro mantense máis vivo que nunca na loita polo ascenso

A décimo sexta xornada do Grupo 1 de Segunda División B, concluíu co triunfo do Mosteiro Bembrive ante o Universidad de Valladolid por 3-5, nun partido que tivo lugar o pasado sábado no pavillón Fuente da Amora. O Mosteiro xogabase boa parte da tempada neste partido. Coa zona alta da táboa tan apertada, todo punto sumado é vital.

Os de Pitu non defraudaron e trouxéronse a vitoria de Valladolid, e con iso non só logran poñerse por diante dun rival directo, senón que deixan de mirar ao título de esguello para empezar a facelo de cara.

Ambos os dous equipos pisaron a pista pucelana envolvidos nun clima tenso propio dun encontro de tal nivel. Pero na primeira metade o Mosteiro e o Universidad non despregaron as mesmas doses de concentración e intensidade. Os vigueses fixéronse donos do partido, mentres que os valisoletanos estaban perdidos. Así, o Mosteiro colocouse cun 0-3, grazas a os tantos de Mariokele, Borrajo e Nené, sen que o contrario fose capaz de opoñer resistencia.

O Universidad non tivo máis remedio que se botar arriba, e aínda que lle custou atopar a portería rival, á fin puido anotar de falta o 1-3 que o meteu no partido. Malia todo, enseguida Borrajo se encargou de que a alegría dos locais durase pouco ao marcar de cabeza o 1-4, resultado co que se foron ao descanso e que deixaba o partido encarrilado.

Na segunda metade o Universidad saíu a por todas. As súas opcións de remontada pasaban por marcar nos primeiros minutos. Por iso, apertou e fíxose co dominio do balón, aínda que sen sorte de cara a portería. Os pucelanos tiveron que esperar ao ecuador do período para marcar dous tantos que puxeron o marcador nun axustado 3-4.

O Mosteiro centrouse en deter as arremetidas do conxunto rival e aproveitar as contras para ampliar de novo a vantaxe, algo que lograría ao bordo do asubío final. A falta dun minuto o Universidad sacou o porteiro-xogador e o meta vigués Fiou, nunha xogada que xa se está a converter nun clásico, aproveitou que a portería rival estaba baleira para disparar dende a súa área e sentenciar o encontro cun 3-5.

Cos deberes feitos o Mosteiro mantense como segundo clasificado con 34 puntos a tan só 1 do líder, o Cidade de Narón. Pola súa banda, o Universidade de Valladolid, con 30 puntos e un partido menos, descende ao cuarto posto.

O próximo fin de semana non haberá Liga, polo que Pitu disporá de tempo abondo para preparar os seus xogadores de cara ao próximo encontro ante o Albense.

MOSTEIRO BEMBRIVE: Fiou, Eloy, Nené, Chelito e Mario -cinco inicial-, Mariokele, Borrajo, Jhony, Berni, Bruno, Jacobo e Morgade.
UNIVERSIDAD DE VALLADOLID: Josu, Mario, Adri, Molina e Miguelín -cinco inicial-, Ofa, Dani Martín, Leal, Balle e Picolo.

GOLES: 0-1: Mario; 0-2: Borrajo; 0-3: Nené; 1-3: Adri; 1-4: Borrajo; 2-4: Balle; 3-4: Balle; y 3-5: Fiou.
ÁRBITROS: Rodríguez Garrido e Marazuela Hernando (Segovia).
PAVILLÓN: Fuente de La Mora. Boa entrada.