O Mosteiro apunta ao máis alto

Imprimir

A décima xornada do Grupo 1 da Segunda División B de fútbol sala concluíu co claro triunfo do Mosteiro Bembrive ante o Albense por 7-0, nun partido que tivo lugar o pasado sábado no pavillón de Bembrive. Os antecedentes dicían que o partido ante o Albense salamantino sería dunha dificultade máxima: ningunha vitoria para os vigueses nos últimos tres enfrontamentos ante un equipo que a tempada pasada contaba nas súas filas co internacional e campión do mundo Pipe. Tratábase polo tanto dun duro test para calibrar as opcións de ascenso do Mosteiro.

E os de Pitu non defraudaron. A portería visitante converteuse na obsesión dun equipo o obxectivo do cal é devolver ao fútbol sala á primeira liña do deporte vigués. O encargado de abrir o marcador foi Nené, que no minuto 5 sorprendía ao meta contrario cun fantástico gol dende o seu propio campo.

O segundo gol tamén foi obra de Nené, e a este seguirían os de Eloy, Carlos Cora e Borrajo, que poría de volea o 5-0 co que se chegaría ao descanso. Tras a reanudación, o Bembrive non levantou o pé do acelerador. Morgadé e Nené, que completaba o seu hat trick particular, completaban unha avultada goleada.

Por outra banda, todas as miradas estaban postas no enfrontamento directo entre o terceiro Noia e o líder Cidade de Narón, que foi suspendido con marcador de 0-5 a favor destes.

A falta de 5 xornadas para conclusión do campionato, o Mosteiro Bembrive é líder con 37 puntos, seguido do Cidade de Narón con 35 e un partido menos, mentres que o Universidade de Valladolid é terceiro con 33 puntos e tamén un partido menos.

A emoción está polo tanto asegurada no Grupo I da categoría de bronce do fútbol sala nacional.