O Bembrive prepara o partido máis importante da tempada

Imprimir

Nin o cuartos de final da Copa Xunta fronte ao Burela Pescados Rubén, nin os oitavos de final da Copa do Rei fronte ao Fútbol Club Barcelona, o partido máis importante que disputará o Mosteiro esta tempada será que lle enfronte, este sábado ás 19:00 no municipal de Bembrive, a un Cidade de Narón líder, con soamente un punto máis que os vigueses.

Ambos os dous equipos necesitan a vitoria para afianzarse no máis alto da clasificación e achegarse un pouco máis ao obxectivo de xogar o play-off de ascenso a Segunda División.

Na pista viguesa, que se vestirá de gala, daranse cita xogadores e adestradores con ampla experiencia na elite que a bo seguro farán as delicias de todo o que asista ao encontro.

Os de Pitu chegan ao encontro nun dos seus mellores momentos esta campaña, coa enfermaría baleira, a excepción do capitán Ges, e tras enlazar unha magnífica sorte de 5 vitorias consecutivas e 31 goles a favor. Tres son as sesións de adestramento programadas ata o sábado, nas que o míster vigués incidirá nos aspectos técnico-tácticos e a motivación dun equipo que soña con devolver á elite o afútbol sala vigués.

A entrada para o encontro deste sábado será totalmente gratuíta. Dende a directiva e xogadores faise un chamamento para que a afección faga un esforzo e acuda ao pavillón a animar aos seus, malia coincidir o encontro coas festas locais da Reconquista.

Por outra banda, durante a xornada de descanso desta fin de semana disputouse o partido que o outro rival directo, o Universidade de Valladolid, tiña en terras palentinas e que finalizou cun empate, resultado que beneficia enormemente os intereses do Mosteiro Bembrive.