Cabecera Vide

O Mosteiro afronta a súa primeira eliminatoria da Copa do Rei

O Mosteiro Bembrive arranca a súa participación na Copa do Rei ante o Rivas Futsal madrileño nun encontro a partido único que terá lugar hoxe martes, ás 21:00 h, no pavillón de Bembrive. Os vigueses chegan a este encontro en boas condicións físicas, aínda que coñecedores de que a etiqueta de "favoritos" a leva o cadro madrileño. Se ben é certo que o Rivas tamén xoga en Segunda División B, é un club que está un chanzo por enriba do resto e que conta coa calidade, infraestruturas e apoio abondo para ascender. De feito, a tempada pasada chegaron a disputar o play-off, pero a derrota ante o Betis privounos da xesta.

Tanto o Mosteiro como o Rivas saltarán ao terreo de xogo cunha boa dose de motivación, máis aínda despois de gañar os seus respectivos encontros de liga. No seu caso, os vigueses tratarán de sacar vantaxe do factor cancha e que os ánimos da afección lles axuden a resolver la eliminatoria. Por iso, o club fixou nuns simbólicos 3 € o prezo das entradas.

Para este encontro Pitu poderá contar con todos os seus xogadores a excepción de Eloy, que continúa con molestias na pube.

Neste torneo o Mosteiro espera, polo menos, igualar a súa magnífica actuación da pasada campaña na que eliminou ao Burela Pescados Rubén de Primeira División e despediuse en oitavos ante o F.C. Barcelona nun pavillón de As Travesas abarrotado.

Vitoria en Liga ante o Ventorrillo

O pasado sábado o Mosteiro empezou a Liga con bo pé tras gañar ao Ventorrillo coruñés por 2-1. Os de Pitu dominaron o encontro, pero non souberon culminar as ocasións de gol, caendo nas imprecisións propias dos primeiros partidos de tempada.

Na primeira metade adiantáronse os vigueses por mediación de Joni cun tanto de penalti. Tras o descanso o Ventorrillo sacou o porteiro xogador e, a falta de 5 minutos para o final, puxo o empate no marcador. Sen baixar os brazos, o Mosteiro reaccionou tempo e Mario logrou nunha contra asinar o gol da vitoria local.