Cabecera Vide

O Mosteiro vence ao Pizarras Los Tres Cuñados nun encontro de alta tensión

A quinta xornada do Grupo 1 de Segunda División B concluíu co triunfo do Mosteiro Bembrive ante o Pizarras Los Tres Cuñados por 5-3, nun partido que tivo lugar o pasado sábado no pavillón de Bembrive.

A eliminación do Mosteiro na rolda de oitavos da Copa do Rei non deixou tocada a moral dos "Verdes". Proba diso é a importante vitoria obtida polos vigueses na última xornada de Liga, o que lles permite subir dous postos en la clasificación. Con 11 puntos, recuperan a segunda praza e sitúanse a soamente 2 puntos do Noia F.S.

Ao Mosteiro non lle resultou nada doado vencer ao Pizarras Los Tres Cuñados. Ao igual que nos seus anteriores enfrontamentos, o choque estivo igualado e cargado de intensidade, o que posiblemente desatou os nervios de ambos os dous conxuntos e provocou unha dose engadida de tensión. A parella arbitral, cunha actuación moi discutida, sinalou oito expulsións, das cales cinco recaeron sobre o cadro vigués: Morgade, Mario García, Chelito, o meta Cuca e o adestrador Pitu.

O encontro comezou con dominio por parte do Mosteiro, pero a medida que avanzaban os minutos os de O Barco de Valdeorras xeraban máis e máis perigo. Foron os vigueses os que golpearon inicialmente, o 1-0 tras un gol en propia porta e o 2-0 tras unha bonita combinación finalizada por Nené.

A loucura desatouse no segundo tempo, cunha sucesión de goles e expulsións. As ocasións repartíronse entre ambos os dous equipos, sendo as máis claras para os barquenses. O Mosteiro, pola súa banda, demostrando unha maior eficacia ofensiva, logrou levar o partido por 5-3 grazas a os tantos de Jacobo, Mario e de novo Nené.

A próxima xornada os vigueses visitan terras salmantinas para medirse ao C.D. Albense. Tan ambicioso como motivador, o obxectivo do Mosteiro apunta ao liderado.

O Club tamén estará pendente do Comité de Competición e as posibles sancións aos xogadores expulsados.