AMFIV BILBAO 1Vitoria do Amfiv, Magope, Olivo, Blusens Networks, Bembrive e Celta Zorka e derrota do Octavio, Las Cinco Jotas, Xuvenil e Vigo, é o balance dos equipos siareiros elite dos seus encontros de competición nacional disputados esta fin de semana.

O Pavillón Pablo Beiro non puido estrear de mellor forma a súa nova denominación. Vitoria na prórroga nun soberbio partido do CD Amfiv ante un dos candidatos a pelexar por todos os títulos, o Bilbao BSR (80-72), na décima e última xornada do Grupo 1 da División de Honra. Antes do comezo do partido descubriuse a placa co novo nome do polideportivo vigués, que dende este sábado se coñecerá oficialmente como Pavillón Pablo Beiro en homenaxe ao presidente e fundador do Club, falecido o pasado ano. No descanso procedeuse ao sorteo dá viaxe para dúas persoas ao Caribe da Fundación VIDE en colaboración con Viaxes Zonda (o 15.262 foi o boleto gañador vendido polo Club Cios Vigo).

O Magope Seis do Nadal Coia pechou a primeira volta da competición cunha vitoria ante Granitos Ibéricos (24-27) que lle mantén na pelexa dous equipos que aspiran a xogar a fase de ascenso. Os de Jorge Fernández son quintos con 21 puntos. O derbi local foi disputado, con refachos de dominio alterno e igualado por momentos. Esta fin de semana o Magope xoga na cancha do Artabro Novo Mesoiro.

As rapazas do Olivo suaron a camiseta para vencer ao Victoria no Municipal Pahíño (3-2), nun partido con dificultade para as viguesas pero levaron os puntos mantendo o pleno de triunfos. Esta fin de semana as de David Ferreiro decansan da competición liguera.

O Blusens Networks Universidade de Vigo conseguiu onte en Navarra unha importante vitoria tras vencer aa Peña La Única por 18 a 19, cun ensaio no último suspiro de Valentín Gutiérrez. Con este resultado a favor rompe unha mala sorte de dúas tempadas sen conseguir un triunfo de visitante. Este fin de semana os vigueses recibirán ao AVK Bera Bera R.T. de San Sebastián, o partido será o domingo 24 ás 12 h. no CUVI.

Goleada do CD Mosteiro Bembrive ante o Leis Pontevedra (4-7) na cidade do Lérez. Os vigueses manteñen a cuarta posición na clasificación con 28 puntos. Esta fin de semana xogarán ante o Ventorrillo novamente a domicilio.

Celta Zorka alcanzou a cuarta vitoria do campionato en León, tras impoñerse a Aros (65-70) nun excelente partido das viguesas que mostraron grande equilibrio en todas as facetas do xogo. Esta fin de semana as de Cristina Cantero reciben en Navia ao Baloncesto Feminino Aragón, o partido será o sábado 23 ás 17 h.

Nova derrota do Academia Octavio que segue sen levantar cabeza. Os de Jabato perderon ante o Covadonga (28-30) e afúndense un pouco máis na última praza tras perder un dos partidos importantes no seu calendario. A súa nova fichaxe, Mbanefo, debutou pero pouco puido achegar. Esta fin de semana o club que dirixe Javier Rodríguez enfrontarase ao BM Alarcos a domicilio.

O Vigo Voleibol caeu en Xátiva (3-0) a pesar de ofrecer unha boa imaxe. Encontro con moita igualdade pero os de Touza viaxaron con dous xogadores importantes menos o que lles pasou factura no marcador. Esta semana recibirán en Coia ao CyL Palencia 2016. O encontro será o sábado ás 18.30 h.

Non pode ser máis cruel a derrota no último minuto ou no último set, como sucede en voleibol. Un axustado 3-2 na cancha do C.D.U. Valladolid deixou o mel nos labios da primeira vitoria do ano e da tempada para o Xuvenil de Teis, tan necesaria nestes momentos para o club vigués, posto que tan só quedan catro partidos para rematar esta tempada. Esta fin de semana viaxarán a terras castelás para enfrontarse ao Soria.

E tamén caeu derrotado Las Cinco Jotas UB Lavadores na cancha do líder, o Calvo Xiria (40-14), nun partido que quedou resolto na primeira parte cun marcador de 21-6 ao descanso. Esta fin de semana se enfrontarán ao Luceiros a domicilio.