campus samil1Nova tempada de campus polideportivos co pulo da Fundación VIDE, da que o Concello de Vigo é membro fundador. Este luns 13 de maio, dende as 8:30 horas, ábrese o prazo de inscrición para o campamento das Travesas (24-28 de xuño) e tamén para o de Samil (8-12 de xullo). En total, trescentas prazas para nenas e nenos de 6 a 14 anos, repartidas coma os anos anteriores: duascentas para a actividade do complexo das Travesas e un cento para a de Samil.

Os campamentos polideportivos da Fundación VIDE, entidade que preside o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, por delegación do alcalde, acoden á súa cita coa cidade coma cada verán. O campus de Samil entra na súa terceira edición mentras que o das Travesas naceu no 2000.

Os campus están dirixidos a nenas e nenos de 6 a 14 anos. O campus polideportivo das Travesas mantén o seu custo habitual de 70 euros (o alumnado ten o xantar no pavillón), mentras que o de Samil custará 45 euros.
Por tradición, o primeiro deles será o campus no complexo das Travesas, do 24 ao 28 de xuño, co horario habitual (9:00 a 18:00 horas).

Os participantes vivirán actividades para gozar de dez deportes (baloncesto, balonmán, fútbol sala, hóckey a patíns, ciclismo, voleibol, natación, rugby, bádminton e deporte adaptado) e terán tamén unha excursión ao Morrazo grazas a Naviera Mar de Ons. Haberá 200 prazas. Despois, terceira edición do campamento de Samil (8-12 de xullo), con tenis, pádel e tenis de mesa no complexo deportivo municipal de Samil das 9:00 ás 14:00 horas. Hai 100 prazas para este campus.

Balonmán Seis do Nadal, Club Deportivo Bosco, Anpabal F.C., Club Vigo Voleibol, Traviesas Hockey Club, Club Deportivo Amfiv, Vigo Rugby Club, Bádminton Rachaplumas e Club Ciclista Vigués aportan os seus adestradores para o campus das Travesas. A Federación Galega de Tenis o Pádel Femenino Cíes e o Club de Tenis de Mesa Vigo fan o propio no de Samil.

Coca-Cola, Frutas Nieves e PSA Groupe colaboran en ambolos dous campus, mentras que Naviera Mar de Ons, Decathlon, Telepizza e New Balance apoian o das Travesas.

Folla informativa do Campus Polideportivo das Travesas 2019

Folla Informativa do Campus de Samil 2019