videwebgueO concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación VIDE, Manel Fernández, mantén contactos telefónicos constantes cos responsables do tecido deportivo vigués para seguir ao día as súas vicisitudes. Sabedor das dificultades que os equipos están a atravesar (hai entidades semiprofesionais viguesas, pero tamén un gran número de clubs que manexan altruistamente centos de mozas e mozos), o edil quere estar ao día da vida do tecido deportivo mentres se mantén o confinamento.

"Quérovos animar nestes días difíciles nos que debemos cumprir coas esixencias do estado de alarma e as ordes das autoridades sanitarias para, en canto se poida volver á normalidade, retomemos tódolos asuntos e necesidades nos que o deporte vigués nos requira", di o político vigués, que falou por teléfono con entidades de voleibol, baloncesto, ximnasia, patinaxe, atletismo, tenis de mesa ou fútbol, entre outros.

Coa aprobación onte pola noite da prórroga do tempo de confinamento no Congreso dos Deputados, suspéndense eventos deportivos a priori establecidos para abril. Os programas de cros escolar (o Minicros) ou a Liga Concello de Vigo de natación escolar, que tiñan novas competicións ese mes, continuarán coa súa suspensión "sine die" á espera das futuras directrices das autoridades sanitarias.

NB: a imaxe que acompaña esta información é, lóxicamente, de arquivo: do pasado día 5 de marzo, cando o edil mantivo unha reunión de traballo no seu despacho da Concellería de Deportes cunha representación da Federación Galega de Tenis para tratar de diversos temas de interese nos vindeiros meses.