Fotosizer 1Aberto o prazo para unha nova edición dos campamentos polideportivos que organiza a Fundación Vigo en Deporte.

Seguindo a liña dos últimos anos, VIDE oferta un total de 300 prazas para nenas e nenos de 6 a 14 anos. Haberá dúas quendas no complexo das Travesas e unha no complexo de Samil. Deste xeito, o primeiro dos campus vai ser do 27 de xuño ao 1 de xullo, o segundo, tamén nas Travesas, do 4 ao 8 de xullo, mentres que en Samil terá lugar o derradeiro campamento polideportivo do 11 ao 15 de xullo.

O alcalde deu conta este xoves da nova proposta de campamentos municipais nos que as nenas e nenas de entre 6 e 14 anos participarán nun “campus activo e deportivo, con catro sesións ao día”, explicou o rexedor, e cun tempo previsto tamén de descanso.

VIDE, por encargo do Concello, abriu este xoves 26 de maio o prazo para a preinscrición nos tres campamentos, cun cento de prazas en cada un deles. As nais e pais que desexen inscribir aos nenos deberán realizar a preinscrición no teléfono 986247104. A inscrición faise por orde de chamadas. No caso de acadar unha ou máis prazas, a familia ou o titor recibirán un correo electrónico de confirmación e terán que cubrir un formulario nas seguintes 24 horas.

Os campamentos polideportivos da Fundación VIDE, na que o concelleiro Manel Fernández é o seu vicepresidente por designación do alcalde, acoden á súa cita coa cidade coma cada verán.

O campus, de luns a venres, mantén dende a pandemia un horario de mañá (9 ás 14 horas). O custe, o mesmo dos últimos anos: 45 euros cada quenda.

O éxito do campamento VIDE está na diversidade: nenas e nenos practican preto dunha ducia de deportes: dende o fútbol ata o baloncesto, pasando polo balonmán, baloncesto, bádminton...