A Fundación Vigo en Deporte organiza mañá xoves ás 20.00 horas no Verbum o acto de inicio da tempada 2009/2010 dos clubs Siareiros Elite e Siareiros Base. Este encontro do deporte vigués, que pretende ser anual, incluirá a entrega dos Premios Siareiros 08/09, unha iniciativa máis para dinamizar un sector que move e forma centos de mozos e mozas cada ano.

Os premios a entregar enmárcanse en catro categorías: “Mellor club Siareiro Elite”, “Mellor club Siareiro Base”, “Voluntario do ano” e “Premio á coraxe”. Con estes recoñecementos a fundación pretende destacar o traballo das entidades deportivas, motor da mesma, sen esquecer o sacrificio do deportista individual. Estes galardóns únense aos premios VIDE, que cada verán abren o torneo internacional de base Vigo Cup e que son exclusivos para o fútbol.

Está prevista a asistencia a esta gala do tenente de alcalde, Santiago Domínguez, e do concelleiro de Deportes e presidente de VIDE, Xabier Alonso, ademais dos patróns da fundación (PSA Peugeot Citroën, Caixanova e Pescanova), empresas patrocinadoras e representantes dos preto de corenta clubs adheridos ao programa Siareiros.

N.B.: ao termo da gala, entre as 20.45 e 20.55 horas, patróns e premiados farán a foto de familia.

VIDE remitirá ás 18.00 horas de mañá xoves unha nota de prensa embargada para aqueles medios que non poidan acudir ao acto e desexen a relación de premiados.

Os medios gráficos poderán cubrir a totalidade do acto se así o necesitan.