verbumA Fundación Vigo en Deporte entregou onte os premios Siareiros, un recoñecemento creado este ano para lembrar a tempada pasada. E fíxoo nunha gala de inicio da campaña 2009/2010 no Verbum-Casa das Palabras; nel deuse cita todo o deporte Siareiro vigués, uns corenta clubs entre as entidades de base e as de elite adscritas ao programa Siareiros, os patróns de VIDE (Concello, PSA Peugeot Citroën, Caixanova e Pescanova) e as empresas patrocinadoras e colaboradoras.

O Club Baloncesto Seis do Nadal en categoría Mellor Club Siareiro Base, o Celta Indepo, no apartado de Mellor Club Siareiro Elite, o montañeiro Sechu López, na categoría Premio á Coraxe, e Antero García, como Voluntario do Ano, gañáronse a ovación do público asistente , que case enchía o auditorio do Verbum.

Sechu obtivo o premio por facer cume no G2; o Baloncesto Seis do Nadal polo seu traballo para promocionar o programa Siareiros Base e a súa axuda para que VIDE siga a crecer; o Celta Indepo tivo o seu premio polo seu 40 aniversario e a Antero García lle chegou pola súa dedicación desinteresada ao mundo do deporte.

Na apertura do curso, Xabier Alonso, concelleiro de Deportes e presidente de VIDE, destacou a “unión do deporte vigués ao redor da idea de Siareiros”, e asegurou que a do deporte “é unha familia unida na que clubs de base, de elite e empresas compartimos unha idea, que é que o deporte é un valor moi importante para a sociedade”.

Jorge Santos, director de Infancia, Mocidade e Deportes de Caixanova, aplaudiu a “dedicación, entrega e esforzo de clubs e deportistas” e asumiu que unha vez máis se amosa que son “unha gran familia”.

Pola súa banda, Pierre Ianni, director de PSA Peugeot Citroën en Vigo, lembrou que a firma aposta polo deporte aínda nestes tempos e considerou que unha das leccións do deporte “é saber levantarse tras unha derrota”, o que extrapolou a outros sectores da sociedade. Ianni estivo acompañado no acto polo outro membro de PSA na Fundación, María José Táboas, de Relacións Externas de PSA Peugeot Citroën.

Para rematar, Laura Magdalena, directora xerente de VIDE, agradeceu a presenza dos patróns (Pescanova estivo representada por VIDE) e “que sigan crendo e apostando polo deporte e pola Fundación a pesar da difícil situación económica”. Tamén suliñou que clubs e deportistas “son a familia VIDE, esencia e razón de ser da Fundación”.

No acto presentouse tamén a nova web, www.vide.es, con contidos mellorados e construida por Altia Consultores.