phoca_thumb_l_marta_fernandezDaniel Bargiela e Marta Fernández, do Corredoiras de Bueu e do Comesaña Sporting Club, respectivamente, fortaleceron coa súa participación e triunfo na Vigo+11 o 4 de outubro a súa posición no Circuíto Cidade de Vigo de carreiras populares. Bargiela foi terceiro na xeral da carreira, Trofeo El Corte Inglés, terceira proba do circuíto, mentres que a atleta gondomareña do Comesaña rematou primeira os 11,2 quilómetros urbanos.

A proba serviu para afianzar en primeira posición aos líderes das categorías en xogo (as masculinas promesa-absoluta, M-40, M-50 e M-60 e as femininas promesa-absoluta e F-35), salvo en M-40, onde a primeira posición na súa categoría, para Carlos Adán, deu máis emoción á loita polo primeiro posto dos nados entre o 1 de xaneiro de 1960 e o 31 de decembro de 1969; vai na cabeza Juan Méndez, do Castrelos, porque asinou ata agora tres segundos postos que o converteron no máis regular.

Mónica Incera (F-35) e Sergio Ramos (M-60) mandan nas súas respectivas categorías a pesar de non ser atletas federados, o que dá máis valor á súa participación.

No primeiro ano de vida deste circuíto, que aínda mantén aberta a inscrición para quen desexe participar, hai 118 inscritos, dos que 23 son mulleres. Da cifra global, 60 son atletas que non pertencen a clubs, é dicir, que non están federados (48 homes e 12 mulleres): a metade da inscrición.

A vindeira carreira puntuable é a Subida ao Castro. Todo o que o desexe pode competir neste circuíto de probas sobre asfalto, pero para optar aos premios en metálico de cada categoría (300 euros para o campión ou campioa, 200 para o segundo clasificado e 100 para o terceiro) é necesario competir en catro das cinco probas do circuíto vigués que patrocinan a Fundación VIDE e a Concellería de Deportes.

 Clasificación provisional Carreiras Populares (304.29 kB)