Cabecera Vide

Os clubs VIDE volverán ás visitas aos centros escolares esta tempada

visita amfiv colegio 2009A Fundación Vigo en Deporte porá en marcha nas vindeiras datas unha nova campaña para potenciar a presenza dos clubs de elite nos centros escolares da cidade.

A decisión foi tomada grazas ao éxito das convocatorias e, especialmente, ao interese dos propias entidades deportivas por fomentar entre alumnos e alumnas a práctica de calquera das disciplinas explicadas. VIDE esperou un tempo razoable para comunicar aos directores de institutos e colexios a dispoñibilidade dos clubs do programa Siareiros Elite, o que fará agora. Preténdese que as institucións educativas poidan concertar visitas dos equipos a partir da segunda metade de novembro, é dicir, antes que a tempada pasada.

A experiencia do programa “Aprende cos mellores” foi moi gratificante para os clubs (participaron máis de vinte centros), segundo confesaban técnicos e xogadores tras as visitas realizadas. Especialmente emotivas foron as de xogadores e xogadoras do Aldasa Amfiv, equipo mixto da División de Honra do baloncesto en cadeira de rodas, no que posiblemente era o primeiro contacto dos nenos e nenas de Primaria (de 6 a 12 anos) con persoas con mobilidade reducida.

Dende VIDE considérase que este tipo de actividades non só axuda a fomentar determinados deportes, senón que tamén realizan un labor pedagóxico e social complementaria ás propias materias do curso, pois técnicos e xogadores esfórzanse en transmitir ao alumnado os valores do deporte.