Cabecera Vide

Vitrasa, patrocinador de VIDE, transporte oficial dos Europeos sub 21 de taekwondo

200vitrasaA organización dos Campionatos de Europa sub 21 de taekwondo acadou un acordo coa empresa concesionaria do servizo urbano de transporte de Vigo, Vitrasa, para que sexa o transportista oficial do torneo. 

O convenio de colaboración supón para a organización asegurarse a experiencia dunha empresa con 40 anos de servizo na cidade e cunha flota de autobuses de última xeración. Todas as federacións internacionais, e a Unión Europea de Taekwondo non é una excepción, inciden especialmente na eficacia dos sistemas de transporte nos eventos deportivos e a Federación Galega de Taekwondo garantiuse así o mellor servizo grazas ao interese mostrado por Juan Carlos Villarino, xerente da empresa.

Os membros das delegacións desprazaranse ata o Instituto Municipal dos Deportes (IMD) nos autobuses das liñas de Vitrasa (Viguesa de Transportes), aos que os participantes accederán coa acreditación dos Europeos. Este sistema xa foi empregado con éxito noutros eventos na urbe viguesa (a Vigo Cup, por exemplo, que durante unha semana move no verán a uns 3.000 participantes) grazas á frecuencia de liñas da compañía.

Vitrasa xa foi transporte oficial de grandes eventos nas Travesas como o Preolímpico de baloncesto feminino (1992) ou, este mesmo ano, a Copa de Europa André Vergauwen de baloncesto en cadeira de rodas, cando as obras do plan E tocaban a un centenar de rúas, recibindo a felicitación da Federación Internacional pola súa eficacia. Os autobuses de Vitrasa tamén están preparados para recibir a pasaxeiros e pasaxeiras con mobilidade reducida.

Ademais, a compañía viguesa xa loce nos seus autobuses desde esta mesma semana unha vistosa publicidade dos campionatos continentais, unha promoción máis do evento ideada polo comité organizador e que a concesionaria do transporte urbano vigués brindouse a apoiar.

Vitrasa é un dos patrocinadores da Fundación Vigo en Deporte e a empresa, de novo, amosa a súa disposición para traballar pola promoción do deporte local.