taekwondovigo5A disputa en Vigo destes Europeos serviu tanto á Fundación Vigo en Deporte (VIDE) como á propia Concellería de Deportes para tomar “boa nota” das necesidades loxísticas dun evento deste calibre, moi similar en número de participantes (uns 400) aos que acudirán do 29 de xuño ao 4 de xullo de 2010 aos XI Campionatos do Mundo universitario masculinos e femininos, tamén no pavillón central das Travesas.

A Federación Internacional de Deporte Universitario (FISU) encargou á Fundación VIDE a cita do taekwondo mundial o ano próximo. Durante o evento, a directora xerente de VIDE, Laura Magdalena, colaborou coa Federación Galega de Taekwondo no programa de Voluntariado, ademais de ofrecer recursos humanos para o apoio loxístico da competición. A Concellería de Deportes e o Instituto Municipal de Deportes tamén prestaron máxima colaboración e, á súa vez, o evento serviu a todas as institucións implicadas para sumar experiencias a oito meses dos Mundiais.