Solange Andreia Pereira, do Circuíto Cidade de Vigo de carreiras populares, con España aos Europeos de Dublín

Imprimir

atletismoUnha atleta do Circuíto de Carreiras Populares Cidade de Vigo, convocada para os Europeos de cross en Dublín. Solange Andreia Pereira, do Playas de Jandía canario, nada en Portugal, que vive no Morrazo e nacionalizada española, defenderá á selección estatal nos vindeiros Europeos de campo a través que se correrán en Dublín (Irlanda) o 13 deste mes. Solange, nada en 1989, foi chamada para a proba promesa.

Na convocatoria figura tamén Sandra Mosquera, do Comesaña Sporting Club, inscrita no circuíto pero que finalmente non participou nas probas disputadas ata agora. A chamada de Pereira dá unha enorme emoción á categoría senior-promesa feminina do Circuíto de Carreiras Populares Cidade de Vigo. É o grupo de idade onde a vitoria final está máis complicada porque logo de tres carreiras celebradas a gondomareña Marta Fernández (Comesaña S.C.), favorita a priori, lidera o campionato con 100 puntos fronte aos 95 de Solange (Playas). Marta impúxose nos 10 kms. Cidade Universitaria e no Vigo+11, mentres que Solange gañou, entre ambas, a carreira de San Xoán.

A Subida ao Castro está fixada para o día 12 deste mes, sábado, co que Solange é baixa segura xa que ten que estar en Madrid o día 10 e non volta ata o 14. E Marta Fernández? Publicamente comentou que correrá a Carreira do Pavo, derradeira proba do circuíto, o 20 de decembro. De participar na Subida ao Castro, a atleta do Comesaña tería garantida a vitoria no circuíto (porque lle sacaría demasiada diferenza a Solange como para que se dese unha sorpresa na Alameda unha semana despois). En caso contrario, todo decidirase a prol dunha ou da outra o 20-D a partir das 12:20, hora para a que está marcada a carreira senior-promesa feminina.