orouvigoA Universidade de Vigo saíu vitoriosa da primeira edición dos Campionatos de Europa de taekwondo (kyorugi, combate), disputados en Braga (Portugal) e que remataron o sábado. Os taekwondistas que adestra Salvador Fontán cultivaron doce medallas (dúas de ouro, sete de prata e tres de bronce) e amosáronse como a representación máis numerosa (trece competidores) das 26 universidades de seis países (España, Portugal, Rusia, Alemaña, Holanda e Eslovaquia) que participaron. E iso que a Uvigo non puido contar finalmente con Fernando Rascado (-87 quilos, peso medio) nin con David Carril (-58 quilos, peso mosca), lesionados.

A Uvigo acadou nove finais (seis femininas e tres masculinas), vencendo en dúas delas (unha feminina e outra masculina). En peso lixeiro, Lara Ouviña se desquitó da eliminación en cuartos dos pasados Europeos sub 21 das Travesas e no Complexo Deportivo da Universidade do Minho eliminou primeiro á portuguesa Suse Carvalho (UTAD) e na final á xermana Helene Weingart (BA Weingarten). En peso pesado, Pablo Casares impúxose na final a Adrián Esteban (U. Castilla-La Mancha).

Cabe destacar de forma especial o combate de semifinais de Bruno García. Apeara ao ruso Vladimir Plotnikov (Universidade dos Urales) e enfrontábase ao campión do mundo absoluto Joel González (Politécnica de Cartaxena), ouro nos Europeos sub 21 de Vigo en novembro. A dez segundos do final, Bruno vencía 8-6 e estaba a piques de dar a sorpresa, pero unha patada de Joel a oito segundos valeulle dous puntos (8-8) e o golpe tamén afectaba o queixo do universitario vigués. A ferida requiría puntos, os médicos do torneo non puideron solucionalo de inmediato e os xuíces, regulamento en man, non deixaban continuar ao representante da Uvigo, subcampión mundial universitario en Belgrado 2008. Joel pasaría á final e conqueriría despois o ouro.

ACTUACIÓN DA UVIGO

Categoría

Peso

Nome

Minimosca

 -46

 -54

Cristina Fernández (prata)

-

Mosca

 -49

 -58

Nazareth Tilve (bronce)

-

Galo

 -53

 -63

Rebeca Mariño (prata)

Bruno García (bronce)

Pluma

 -57

 -68

Miriam Docampo (bronce)

David Vidal (prata)

Lixeiro

 -62

 -74

Lara Ouviña (ouro)

Francisco Santiago (x)

Welter

 -67

 -80

Lúa Piñeiro (prata)

Darío Daniel Pérez (prata)

Medio

 -73

 -87

Sara Baños (prata)

-

Pesado

+73

+87

Ileane Rodríguez (prata)

Pablo Casares (ouro)

 

 

 

(x) Eliminado na primeira ronda.

A Universidade de Vigo saca conclusións pensando no Mundial de Vigo 2010

A Universidade de Vigo tomou nota para o vindeiro Mundiais de taekwonfdo, nas Travesas. Sorprendeu en Braga a escasa participación (46 homes e 29 mulleres) aínda que finalmente a EUSA, responsable europea do deporte universitario, decidiu dar continuidade ao evento, que se realizaba por vez primeira.

Representantes da Federación Española de Taekwondo (Jesús Tortosa), da Federación Galega de Taekwondo (a súa presidenta Mercé Barrientos) e da Universidade de Vigo (Javier Rial e Alexandre Sanjorge) tomaron nota de cuestións organizativas para aplicar nos próximos Mundiais Universitarios de Vigo 2010.